VIDAS ENTERRADAS (L'OM IMPREBÍS, MICOMICÓN TEATRO, TEATRO CORSARIO E TEATRO DEL TEMPLE)

  

FIOT 35

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO


CANDO A TERRA FALA

(A propósito de “Vidas enterradas”, das compañías Corsario, L’OM-Imprebís, Micomicón e Temple.)

Santiago Pazos

FOTO DE VANESSA RÁBADE
 

Parece unha metáfora pero non é. A terra fala polo que esconde nas súas entrañas e polo que florece á luz do sol. Tapar a memoria botándolle máis terra enriba, como moitos intentan, é un acto totalmente inhumano. Querer enterrar con dignidade aos teus mortos non é cuestión de axustar contas, senón de decencia histórica.

Esta obra está composta por seis monólogos. Cada un con autor e interprete distinto, en tres espazos localizados a poucos metros de distancia. Comezamos ás portas do cemiterio de Bértoa onde despois de moita loita da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica recuperáronse, nunha fosa común, os restos dos cadáveres do recoñecido pintor coruñés Francisco Miguel e outros tres asasinados polos fascistas. Hoxe descansan, por xustiza, detrás de lápidas con nome e apelido. Pero a terra segue a berrar por dentro. Quedan moitos mortos en fosas comúns, ou nas cunetas, aos que temos a obriga de darlles unha sepultura digna.

Nese mesmo espazo, Pilar San José, unha estupenda actriz que proxecta a voz con mestría a pesares que os coches pasan pola estrada a todo dar, interpreta á neta de “Manuel España” con texto de Juan José Millás. Outra vítima da que só queda unha foto detrás dunha vitrina, pero non se pode falar del. Di que os corpos non enterrados seguen latentes, por iso é importante encontrar os cranios para poder ser identificalos. E Paco Gisbert representa ao personaxe de “El que guarda”, de Santiago Sánchez. Non se lle escoitaba ben, pero recordo algúns parágrafos como eses nos que se lamenta de que algúns obxectos berran máis que a propia sangue, ou que lle gusta mirar as estrelas porque o universo é tan grande e nós tan pequenos.

No segundo escenario, preto da ponte, o ruxir dos motores soan xa como un eco ao lonxe, e un gran actor como Edu Borja dálle vida a un texto de Pepe Viyuela, que se titula “Tertulia” para denunciar que os fascistas converteron España nunha inmensa sepultura e que, se ben acabaron coa súa vida, finalmente fixérono inmortal porque aos mortos é imposible calalos por moito que estean metidos nunha fosa.

Ao pouco chega correndo, medio encurvado (o medo, sen dúbida), Julio Montañana, en “Primitivo Florián de Laila Ripoll. Dinos que xa non hai paxaros e todo é silencio, mais garda no bolso do pantalón o poema que un poeta chamado Miguel (supoño que Hernández de apelido) lle regalara a seu pai, axustizado sen xuízo. Anos máis tarde, co pai xa morto, reclámanlle á familia seis mil pesetas porque o seu proxenitor tiña carné da UXT. Terra sobre terra negra. Comeza a chover pero ninguén escapa.

E xa no terceiro espazo máis recollido no Paseo do Anllóns, Mariano Anós narra “Las cuentas de Carmencita” de Juan Mayorga. Fala de contas que non lle interesa descifrar porque el quere ser apicultor, de Machado e do papel dos mestres, enterrados todos nunha fosa común. E María José Moreno, en “A los pies del Moncayo” de Alfonso Plou, danos para que a vexamos ben unha sandalia gastada con solas de caucho do seu avó. Precisa dicir Descanse en Paz pero hai tantas cousas que se calan e tantas que non se queren escoitar! Abriron unha fosa e non encontraran ningunha bala. Foran asasinados a paus. O seu avó non apareceu. De seguro estará clamando por unha sepultura co seu nome aos pés do Moncayo.

Son historias vivas. Ou como diría Rosalía, de vivos e mortos. Eles gardan as fotos e debaixo da terra só se escoitan lamentos.

Saúde...

 

NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA


Comentarios

Entradas populares