FERNANDO CABEZA QUILES
APUNTES SOBRE “DEFUNTOS E SANTOS INOCENTES”
SANTIAGO PAZOS
“Ningún autor aspira a ser lido. A máxima gloria que perseguen é que lle poñan a propia testa, esculpida en bronce, na esquina dunha praza da súa vila para que as pombas lle caguen enriba”. Esta é a reflexión que fai Sergio del Molino para queixarse da irrelevancia social na que caen a maior parte dos escritores na actualidade. Nalgún caso ben merecida e noutros moitos totalmente inxusta.
Pero compartamos, ou non, tal afirmación, son dos que pensa que a honra e recoñecemento público non tería que vir, por obriga, dun comportamento de servidume compracente co poder. E xuraría que o autor de “Defuntos e santos inocentes”, a non ser que lle dera un pronto de arrebato incomprensible de vaidade, estará de acordo comigo.
E podo asegurar que, por moito que Fernando sexa merecedor dalgún que outro topónimo insigne por méritos propios, co que realmente se sentiría satisfeito, aparte de ser lido con interese, sería con poder ver que eses fillos, como el chama a os seus libros, que xa son familia numerosa, estiveran, senón en todas as bibliotecas de Galicia.
O das pombas é outro cantar. Son libres de cagar onde lles pete porque, como símbolo da liberdade e por moito que os seus excrementos sexan corrosivos, non dependen, coma nós, de ter que decidir en conciencia por loitar polos dereitos que nos corresponden, ou aplaudir coma ovelliñas a eses inimigos da dignidade humana que tanto proliferan. Isto é o que realmente lle remexe a Fernando por dentro. Palestina, sen ir máis lonxe.
De aí vén o seu compromiso social, deixa a dedicación exhaustiva e rigorosa sobre toponimia para enfrontar narrativas que pescudan na conciencia histórica e social sen curvofilias, como ben di, nin reviravoltas. Como exemplo, este libro no que ao tempo que nos conta acontecementos familiares e vivencias persoais, aproveita tamén, sen prexuízos, para contarse a si mesmo, espirse e ser sincero, sen intención maledicente de axustar contas co pasado, nin cos seus protagonistas, pero sen agochar as experiencias vividas.
Di Borobó, non sei se por amor familiar, no limiar de “Chamáchesme Moreniña”, que a Cabeza Quiles salvárono do deporte profesional, e do silencio literario, estar inmerso entre dous salvadores: Cabeza de León e él mesmo. Por certo que, nese retranqueiro libro, conta Fernando que “O escritor e médico Tomás Vilariño vén de publicar un libro de fábulas onde, a través de 150 páxinas, realiza un exercicio irónico e devastador dos vicios da sociedade actual. O autor traballa no Hospital Psiquiátrico Provincial como especialista en terapia literaria”. Texto que puidera ser premonitorio do que vostedes descubrirán de ler este último libro.
Recordemos o que Miro Villar dixo en “Domingo de Resurrección”: “ O autor destas historias, ti (lector ou lectora), e eu mesmo somos da tribo dos letraferidos”. Pola parte que me corresponde espero no ter arruinado o final destas entrañables historias cun epilogo que só pretendía poñer os puntos suspensivos. Menos mal que Antonio Andrade no seu limiar xa deixa os puntos onde corresponden.
Saúde...
DEFUNTOS E SANTOS INOCENTES
Autor: FERNANDO CABEZA QUILES
Editado por ESPIRAL MAIOR
________________________________________________________________________________
LIBROS DE FERNANDO CABEZA QUILES (INDIVIDUAIS E COLECTIVOS) QUE SE PODEN ENCONTRAR NAS BIBLIOTECAS DE CARBALLO
1. Toponimia de Ribeira ( 1 ) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS
2. A toponimia celta de Galicia ( 1) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS ( 1) BIBLIOTECA REGO DA BALSA
3. A toponimia dos celtas brigantinos e doutros pobos da Gallaecia ( 1) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS ( 1) BIBLIOTECA REGO DA BALSA
4. Galicia, o galego e os galegos ( 1) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS
5. Os nomes de lugar ( 1) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS
6. Domingo de Resurrección ( 4) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS
7. Toponimia de Galicia ( 2) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS ( 1) BIBLIOTECA REGO DA BALSA
8. Os nomes da terra ( 1) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS
9. Galegos en Las Alpujarras granadinas ( 3) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS
10. O segredo dos zapatos e outros contos ( 2) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS ( 3) BIBLIOTECA REGO DA BALSA
11. Parroquias costeiras de Carballo ( 4) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS
12. Contos azuis ( 2) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS ( 2) BIBLIOTECA REGO DA BALSA
13. Chamáchesme moreniña ( 2) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS
14. As parroquias de Barizo, Mens e Vilanova ( 3) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS
15. As parroquias de Artes, Sofán e Verdillo ( 2) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS
16. O río Anllóns ( 3) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS
17. Toponimia da Estrada ( 2) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS
18. Toponimia de Carballo ( 4) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS ( 1) BIBLIOTECA REGO DA BALSA
19. Parroquias de Brantuas, Niñóns e Cores ( 2) BIBLIOTECA AGRA DE CAMPOS TOTAL : 50 exemplares nas dúas bibliotecas
NOTA: Este artigo foi publicado na edición para Bergantiños de La Voz de Galicia.


.jpg)
Comentarios
Publicar un comentario