TITZINA (DISECCIÓN DE LA BONDAD EN TRES ACTOS)

FIOT 35

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

HONESTIDADE

(A propósito de “Disección de la bondad en tres actos”, de Titzina)

Santiago Pazos

FOTO DE VANESSA RÁBADE

 

Pode haber algún caso que non, raro, pero a honestidade, cando te dedicas a un actividade artística, con respecto ao proceso creativo e a ter un discurso propio no que cres é fundamental. Diría máis, é consubstancial á construción da obra na que estás a traballar. Da igual a arte á que te dediques. A mirada do espectador funciona coma unha radioloxía. O primeiro que detecta é se o que estás a mostrar está fundamentado nunha idea consistente e razoada. Non importa se é unha tolemia, o primeiro que percibimos é se o armazón no que ti te sostés é verosímil, sa sexa ficción ou baseado en feitos reais. Para admirar un cadro de Rothko non precisas ter coñecementos sobre arte abstracta, só hai que mergullarse nesa paleta de cores e deixarte inundar por sensacións neurolóxicas que non teñen unha explicación simplista. Mirar, sentir e gozar é suficiente. Xa os especialistas discutirán do que é ou non é.

E Titzina, Pako Merino e Diego Lorca, dende “Folie a Deux”, pasando por “Entrañas”, a xenial “Exitus”, ou “Distancia sete minutos”, teñen demostrado que todos os seus proxectos están realizados con honestidade. Poden gustar e convencer máis ou menos, farán maxia pero non enganan. Os trucos son instrumentos que facilitan a comprensión textual e interpretativa. O ás que gardan na manga non é outro que a mensaxe sobre da condición humana que queren transmitir. Traballan, con moita seriedade, sobre ideas que pouco a pouco van tomando forma ata converterse en artefactos escénicos onde os diálogos, moi coidados, son a columna vertebral de cada espectáculo. Logo virán o resto de compoñentes escénicos necesarios para que o público poida visualizar de xeito máis cómodo o que pretenden contar.

En “Disección de la bondad en tres actos” falan da mentira. Quero pensar que, postos a contar mentiras, non está mal empezar polo título. Tamén pode ser que sexa unha referencia a esa crenza popular de que unha mentira piadosa nin é pecado nin punible, senón un acto de bondade. Eu, de ser necesario, fágoo sen sentirme para nada culpable. Algo así pasa coa hipocrisía que, de non existir, deixaría aos diplomáticos sen a súa mellor ferramenta.

O tema, por outra parte, está de actualidade. O debate público sobre as fake news, a falsificación histórica, e a desconfianza crecente da información que recibimos está nun punto preocupante. Todo parece verdade e mentira a un mesmo tempo. A falsidade e a manipulación son xa marca rexistrada desta época, grazas sobre todo ás redes sociais controladas por un grupo de tecnoligarcas e algúns líderes políticos sen escrúpulos. Por iso, falar da mentira, no teatro, para poñer de manifesto que moitos seres humanos, como se fose algo natural, viven nunha farsa enfermiza, ten un valor social incuestionable.

Teatro comprometido e ben argumentado, aínda que no segundo e terceiro acto os diálogos resultan longos, o que causa que ao espectador lle custe seguir o argumento con atención. Mais Titzina é unha compañía moi receptiva e sempre están atentos á reacción do público. Así que de seguro, en próximas funcións, irán rectificando eses pequenos defectos Nada importante dende o meu particular punto de vista.

Destacar, por suposto, a posta en escena, áxil e moderna, cunha escenografía e iluminación moi coidadas, xogando coas sombras e creando espazos no escenario que lle proporcionaban amplitude e profundidade. Un aplauso para Luís Crespo e Jordi Thomás por ese estupendo traballo.

Unha obra ben interpretada, honesta, seria, reflexiva e oportuna.

Saúde...

 

NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA



      

Comentarios

Entradas populares