RAFAEL ÁLVAREZ, EL BRUJO (LA SEGUNDA VENIDA DE CRISTO O EL YOGA DE JESÚS)

 

FIOT 35

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

CUESTIÓN DE ESTILO

(A propósito de “La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús”, de Rafael Álvarez, El Brujo)

Santiago Pazos

FOTO DE VANESSA RÁBADE

 

Di a gran Marina Abramovic que agora que se pode permitir as malas críticas non encontra ningunha. Cando unha artista chega a un grado de aceptación e consagración tan enorme, tanto popular como de profesionais especializados, ninguén ten a ousadía de sinalar os defectos a non ser que queiran ser vistos como extraterrestres. É unha cuestión de estilo. Es única. Virán outros que intentarán copiarte, que estudarán o teu método creativo, e farán cousas parecidas pero nunca poderán substituírte. De aí que a orixinalidade é o que te converte a un artista en referente indiscutible.

No caso de El Brujo pasa algo parecido. Conseguiu crear un personaxe que se papou ao o propio actor. Da igual que obra interprete. Todos os seus espectáculos, dende que fixo O Lazarillo de Tormes- (que eu puiden ver no ano 95 do século XX)- teñen marca rexistrada. Os mesmos xestos, tonalidades de voz, movementos, e a mesma técnica formidable de conducir aos espectadores polos meandros que el vai marcando. Non o digo con ánimo negativo, senón intentado desentrañar os motivos polos que é considerado unha icona do teatro. Nada fácil de conseguir.

A clave está en que, ademais de ter unha memoria prodixiosa, domina unha chea de recursos interpretativos cómicos e dramáticos, e sabe manipular con moita pericia o estado anímico do público que ten diante mediante a técnica das monecas rusas. Hai un fío narrativo que debemos escoitar con atención, pero cando considera que se fai un pouco espeso mete unha cuña cómica, ou unha referencia actual dita con picardía, reclamando unhas gargalladas e un aplauso. E así sucesivamente durante as dúas horas que dura a obra. Unha forma moi intelixente para que o espectador non se durma entre evanxeos, San Xoán, Cristo, Krishna e Yogananda. O fin é manter viva a atención de quen escoita e mira. Por certo que esta técnica é moi utilizada polo admirado Quico Cadaval. Comeza contando unha historia e polo medio, antes de terminar, aproveitou para contarche sete máis.

Por dar un dato no que se sostén esta análise, saiban que en maio deste ano fun velo no Corral de comedias de Almagro onde representaba “Mi vida en el arte”. Ben, pois máis da metade daquel texto meteuno nesta obra que vimos en Carballo con outro título. Pensei que vivía un deja vu. Iso si, agradable. Repetiría. Os bos mestres teñen ese poder, nunca nos cansamos de escoitalos. Pero así como me decepcionaría que Picasso pintase toda a súa vida como o facía nas épocas azul ou rosa, escatimándonos a descuberta do cubismo, tamén me gustaría que Rafael Álvarez, o actor, arriscase un pouco e rompese, como un iconoclasta, con ese personaxe no que se encontra atrapado. Xa sabemos que o éxito é acomodaticio e que o que funciona é mellor non cambialo, pero os inconformistas sempre esperamos un chimpo mortal máis no arame.

Non lles conto o argumento porque os que foron a velo xa o coñecen e os que non foron que aproveiten e vaian en canto podan. Máis aló destas reflexións, hai que recoñecer que El Brujo é un artista xigantesco, un xograr que coñece como ninguén o seu oficio e nunca aburre. Un pracer!

E ata aquí estás críticas teatrais que, espero, foran de utilidade para quen tivese a deferencia de lerme. Sempre escritas coa pretensión de dar unha opinión persoal e abrir, de ser posible, unha fiestra dende a que observar unha paisaxe diferente da que cada un recorda que viu. O FIOT 35 pechou o telón. E como dicía este gran actor, temos que coidalo “agora” porque non hai moitos festivais desta importancia. E para acabar, podemos, se queren, como fixemos no final desta obra, pechar os ollos e meditar, ou reflexionar, en silencio uns minutos. E sobre todo vivir sen medo.

Saúde e longa vida ao FIOT!

 

NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA


 

Comentarios

Entradas populares