PECADO DE HYBRIS (VENDRÁN LOS ALIENÍGENAS Y TENDRÁN TUS OJOS)
FIOT 35
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
DISFORIA E RENACEMENTO
(A propósito de “Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos”, de Pecado de Hybris)
Santiago Pazos
Para escapar desa sensación de angustia e depresión, na que vive a protagonista desta historia, para poñerme a escribir, algo que me produce bastante ansiedade, fago coma ela e poño de banda sonora “Space oddity” de David Bowie. Recomenda que, se te atreves, agora é o momento de abandonar esa cápsula na que vives encerrado. E tamén, como ela, para coller bríos e comezar a teclear, escoito “O amor” de Massiel: “O amor é un raio de luz indirecta, unha gota de paz, unha fe que esperta, un zumbido no aire, un punto na néboa, un perfil, unha sombra, unha pausa, unha espera...”. Mais ela non padece dese amor romántico de Bécquer ou do “Werther” de Goethe, senón dun sentimento moderno, actual.
No meu caso é distinto, o que me desespera é a paixón que sinto polo teatro, non ese desamor dunha muller que cumpre corenta anos e entra nunha crise de desesperación por sentirse soa, por vivir nun mundo que colapsa. Unha relación amorosa fracasada e unha profesión, a de escritora, na que non acaba de trunfar.
Claro que esta obra é máis profunda que este preámbulo. Fala da necesidade de soñar coas utopías, de aprender a convivir cos monstros que levamos dentro, de inquedanzas sociais como os que teñen que fuxir da súa terra nunha patera na procura dunha vida máis próspera, das anciáns que viven soas, de Palestina. De aí que tanto ao texto como a dirección de María Velasco non se lle poida poñer pega. Outra cousa é a adaptación dese texto. Por veces tan complexo que costa asimilar tanta mensaxe, e tan espeso coma un prato de papas de millo ao que se non lle botas un pouco de leite fresca por riba non che pasa pola gorxa. Eu faríao un pouco máis lixeiro para facilitar a súa comprensión, pero de facelo quizais perdería intensidade. Tal como está precisa dunha especial atención, pero tampouco no lo van dar todo comesto.
Tamén é posible que a culpa sexa da actriz. Moi valente por enfrontarse a un monólogo tan exixente. Recordemos que non era Marciel Álvarez, a actriz que estreou esta obra, senón María Jáimez. O seu papel require de moitos matices. De repente estás eufórica e un pouco despois estás a chorar como unha descosida. Motivos polos que ás veces notábase algo insegura tanto na declamación como nos movementos, segundo a miña impresión. A verdade é que en conxunto, a pesares das dificultades, merece un aplauso. Non esquezamos, por suposto, a axuda da moi boa actuación do seu compañeiro Carlos Beluga. Toca a guitarra, canta por Bambino, baila e fai do alien que fará renacer a esa muller que se encontraba totalmente perdida nun desacougo monumental.
En canto a montaxe, sinalar que é todo un espectáculo audiovisual e con inmellorables efectos de luces e son. Mágoa que a escenografía non lucise como merece debido ao tamaño do escenario do Pazo de Cultura. Algo que afecta directamente ao ritmo das escenas e movementos dos actores. Para valorar unha obra temos que ter en conta todas as dificultadas coas que se encontran os artistas. Certo é que os espectadores non teñen porque ser compracentes con eses problemas, queren ver unha obra ben montada e interpretada con pericia.
Queda bastante claro, iso si, que todos somos alieníxenas nalgún momento. Diría que, por fortuna, relacionarse con entes diferentes enriquece e transforma a visión unilateral que temos de cada ser humano e do mundo en xeral. A uniformidade só conduce ao aburrimento abúlico.
Saúde...
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS
DE LA VOZ DE GALICIA




Comentarios
Publicar un comentario