FIOT 35. NINGUÉN TIRA FOTOS NOS ENTERROS, DE CARLOTA E COMPAÑÍA

 FIOT 35

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

UNHA CHEA DE SOMBRAS

(A propósito de “Ninguén tira fotos nos enterros”, de Carlota e Compañía)

Santiago Pazos


FOTO DE VANESSA RÁBADE


Cando vin esta obra no Metro Cadrado, no ano 23, pareceume excelente e pensei que era un embrión que tiña posibilidades de crecer. Mais onte no OTNI non cumpriu coas miñas expectativas. Xa saben... O bo, si breve... Xa o dicía Borges: “Para que vou escribir unha novela se nun pequeno relato podo concentrar todo o que quero contar”.

No caso que nos ocupa a idea é boa pero nótase a falta de medios, sobre todo económicos, que permitan que se faga grande. Por suposto que non é culpa nin de  Carlota Mosquera  nin de Sol Álvarez. Bastante fan pese a certos erros de interpretación, como cando Carlota fala tan ás presas que parece que vai perder un tren. A pobre escenografía non axuda e o recurso de facer participar a algún espectador tampouco. Nótase moito o escaso apoio que teñen as compañías de teatro, non só, galegas.

Mais a súa ousadía por sacar o proxecto adiante xa merece recoñecemento. Só o título xa me traía recordos dunha experiencia persoal. Cando era mociño morreu un sobriño con poucos meses de vida co que tivera unha relación moi especial. Velámolo na casa, na habitación de meus pais, dentro do seu cadaleito branco. Nun momento en que quedei só con el, atrevinme a darlle un bico na fronte. Estaba frío, pero non coma o xeo. Era un frío distinto, estrañamente humano. Fixéronlle unha foto que aínda de vez en cando aparece pola casa.

Iso si, non coincidiu coa voda doutro familiar, na mesma capela, como ocorre nesta obra. Non houbo cantarelas, nin regueifas de Bergantiños, nin coreamos “Quiero bailar toda la noche”. (Prefería o silencio, pero o público democraticamente optou pola opción festiva). O contraste aquí é unha coincidencia que desconcerta. Un comezo de vida en común e o final doutra que coinciden no tempo. Dúas circunstancias difíciles de casar.

Destacar esa última escena, que sorprende, no que un anaco do velo da noiva, mollado nun cubo, con non sabemos que líquido, revela unha imaxe, penso que da avoa, que semellaba a Saba Santa de Cristo. Confirmar que as fotos do meu defunto sobriño perderon tamén toda nitidez.

Insisto, unha boa idea que precisa de moitos axustes e dunha montaxe máis complexa. Quizais co tempo...

Saúde...

 

NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS

DE LA VOZ DE GALICIA 



Comentarios

Entradas populares