MOFA E BEFA (A ARTE DA GUERRA) E XOGRAR DE OUTONO PARA ANTONIO PORTEIRO

  

FIOT 35

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO


A ARTE DO ENGANO

(A propósito de “A arte da guerra”, de Mofa e Befa)

Santiago Pazos

FOTO DE VANESSA RÁBADE

 

A arte do engano é da que viven os cómicos, nos son magos pero si transformistas. Os textos son esas altas plataformas, ou coturnos, sobre das que camiñan e sosteñen corpos que moldean con imaxinación para transmitir profundas mensaxes ou, simplemente, ocorrencias que pretenden divertir, ás veces sen maior pretensión, e outras con ánimo de contar a realidade dende un punto de vista desenfadado.  O teatro pode, ou non, semellar a un tanatorio. Aí reside esa maxia sempre sorprendente.

Mofa e Befa son un exemplo de que todo iso mesturado e ben batido nunha cocteleira pode crear unha apócema eficiente para engaiolar aos espectadores. Rirmos de nós mesmos sen esquecer que falamos de cousas que nos afectan na vida cotiá. Nada do que contan é gratuíto. Se queren todo é metafórico. Narrativas que cada quen entende de xeito diverso. Como di Sun Tzu: “A terra pode ser alta ou baixa, longa ou estreita, pode estar lonxe ou cerca, desnivelada ou plana, propicia para morrer ou para vivir”.

Nesta obra, con dramaturxia e dirección de Carlos Santiago, son fieis ao seu estilo de sempre. Un humor que denominan “perralleiro”. Que segundo o Dicionario Estraviz é algo de calidade dubidosa e mediocre. Definición que non concorda para nada coa súa profesionalidade. Tanto Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira e  Josito Porto demostran que teñen táboas de sobra como actores cómicos. Tamén en papeis dramáticos. Como exemplo Evaristo en “A peste” de Camús, dirixida por Cándido Pazó.

Aquí, tomando como referencia o libro de Sun Tzu, interpretan unha serie de escenas moi desiguais Tanto na forma como no fondo. Para esquecer esa na que unha ministra arbitra a negociación entre a patronal e o sindicato. E moi divertida a da guerra dos cen anos. Pero non é cuestión de destripar a obra nestes comentarios. Citan a todo tipo de personaxes, dende Lois Pereiro e Uxío Novoneyra ata Trump ou Netanyahu.

En definitiva, unha obra con bo ritmo, recomendable polas interpretacións, cunha escenografía de Kukas bastante pobre e unha dramaturxia que merecería ser revisada. E aínda con estes inconvenientes, Mofa e Befa sempre ofrecen a seguridade de botar unhas boas risas. A imaxinación nunca lles falta.

ANTONIO PORTEIRO (XOGRAR DE OUTONO 2026)


Ninguén se puxo de pé, aplaudiron con ganas. Para quen si se levantou todo o público e aplaudiu atronadoramente foi para Antonio Porteiro ao recibir o Xograr de Outono 2026. Premio merecido polo seu excelente traballo técnico e comprometido co FIOT. E eu destacaría pola súa bonhomía. Parabéns!

Saúde...

 

NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA



 

Comentarios

Entradas populares