LIBRES!!! (DE TEATRO DEL BARRIO)

  

FIOT 35

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

CARICATURAS

(A propósito de “Libres”, de Teatro del barrio)

Santiago Pazos

 

FOTO DE VANESSA RÁBADE



Antes de entrar en materia teatral, recomendarlles que se queren documentarse algo máis sobre as liortas ideolóxicas que se producían na esquerda durante a República, tan de actualidade hoxe onde os egos impóñense sobre as ideas, e as diversas opcións estratéxicas durante a guerra incivil, aparte de tantos estudos históricos que se teñen publicados, Paul Preston por exemplo, poden ver a película “Tierra y libertad” de Ken Loach.

Nesta obra, o texto de Esther F. Carrodeguas é bastante fiel a historia, cousa de agradecer. E a adaptación de Andrés Lima está feita a conciencia. Transmitir esa temática dende unha perspectiva divertida, caricaturesca. E que mellor que un cabaré anarcosicalítico no que catro mulleres, unha delas pianista, interpretan con picardía erótica a todas esoutras que loitaron polo feminismo e o voto da muller. Aí están Emilia Pardo Bazán, Clara Campoamor, Victoria Kent, A Pasionaria, Emma Goldman, Federica Montseny, e incluso Azaña.

Todo parte de ese grupo de Mulleres Libres anarquistas, liderado por Mercedes Comaposadas, Lucía Sánchez Saornil e Amparo Poch, sen esquecer a pioneira Teresa Claramunt, que defenden o amor libre, a alfabetización e o feminismo proletario e inclusivo en contra do feminismo compracente e o anarcomachismo. E para iso crean unha revista revolucionaria que se pode consultar na Hemeroteca Nacional.

Contan a historia, e refírense a acontecementos actuais, de xeito desenfadado e desinhibido con pezas musicais recoñecibles ás que lle cambian a letra. Boa versión a que fai Alba Flores de “El día que nací yo”, de Imperio Argentina, sentada enriba do piano ou de “Soi una zorra” de las Vulpes. Na tonalidade vese a influencia da súa tía Rosario. Pero tamén vemos que aparte das influencias familiares ten personalidade e preparación. Pásalle como a eses nen@s que ven como os pais len e aínda que só sexa por curiosidade collen un libro para, polo menos, acariciarlle o canto.

De feito todas as actrices cantan e interpretan a varias personaxes.  Está ben Nüll García, pero a que sobresae é Laura Galán. Espectacular en todos os aspectos. Actriz completa que controla todos os rexistros da comedia. Exuberante. Non me estraña que lle deran o Goya por “Cerdita”.

En xeral é un bo espectáculo que demostra que para contar cousas serías non sempre é preciso montar un drama. Como eses bos profesores de física ou matemáticas que intentan facer sinxelo de entender conceptos bastante complicados de entender. Saben por experiencia que para captar a atención do alumnado teñen que ser ademais malabaristas.

Noto, iso si, fallos na dirección. Ritmo e movementos quedan supeditados á anarquía, (mire vostede!), e á paixón que as intérpretes poñen no seu traballo. Menos mal que elas, en aparencia, coñécense ben e fan da necesidade virtude.  Vese que gozan xuntas no escenario e que se senten parte solidaria desa loita que levaron a cabo esas mulleres inesquecibles en épocas bastante máis difíciles que a actual, por moi complexa que esta sexa.

Moi intelixente, por certo, ese comezo para implicar e convidar a que o público participe na festa: “Carballo, son humanos ou un cadro pintado ao óleo!”. A partires de aquí os fioteiros déronse conta de que isto non ía sobre dun tostón histórico e, desatados, colaboraron con alborozo en todo o que as actrices solicitaban.

Finalmente aplaudiron en pé. Contentos. Non é porque a obra o merecese ou non, pero ultimamente noto que os espectadores do FIOT póñense en pé con moita facilidade. Ás veces penso que é causa da incomodidade das butacas e non queren recoñecelo.  Ou serei eu que sempre lle ando a buscar tres pés aos gatos.

Saúde...

 

NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA




Comentarios

Entradas populares