FIOT 35. RUAR E RIR (II)
FIOT 35
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
RUAR E RIR (II)
Santiago Pazos
FOTO DE VANESSA RÁBADE
Aquí seguimos a ruar, pasamos do Teatro de Rúa á Rúa dos Contos co tempo xusto dun suspiro fotográfico ou un saúdo afectuoso. Fagamos un repaso...
FOTO DE VANESSA RÁBADE
EXPOSICIÓN ZOOM FIOT 2025
Moi boa idea a de cambiar de espazo expositivo. Nesta sala ten máis visibilidade. Esta é unha iniciativa que permite ter outra óptica, a través da cámara fotográfica de varios profesionais, do acto teatral. Por certo, ben montada por Xiana Márquez. Pensan moitos que só é colgar uns cadros na parede, pero resulta que cada montaxe require dunha narrativa especifica. Parabéns.
SUE MORENO (FOTO DE VANESSA RÁBADE)
SUE MORENO (5.0)
Cheguei tarde. Mágoa. Pero o que vin gustoume. Unha profesional de 50 anos en plena forma. Boa trapecista que se acompaña de rock e flamenco para divertir e facer participar a nenos e pais. Queda claro que o edadismo é outra forma de discriminación. No circo cabemos todos.
ZIRCO TXOSKO (FOTO DE VANESSA RÁBADE)
ZIRKO TXOSKO (Tavole)
Ateigada a Praza do Concello de nen@s atent@s e divertidos. Os números que desenvolven son sinxelos. Non deixan de ser uns saltimbanquis cómicos. Sorprende que puxeran de fondo o Grándola Vila Morena. O do Napalm sobraba, pero naceron frores.
CARMEN CONDE (O que non estaba escrito)
Comeza lenta. Vese que é a súa primeira experiencia cunha tradutora de linguaxe de signos. Pero non tarda en coller o ritmo. As historias que conta enganchan e están moi ben trabadas. Sobre todo a dos curas que casan en Abadín. Conta ben, con soltura.
LÚA MOSQUETERA (FOTO DE VANESSA RÁBADE)
LÚA MOSQUETERA (Poesía acústica)
Aínda que teño unha opinión persoal sobre o tema, non entrarei na súa calidade poética. Non son lingüista. Pero si podo dicir que recita mal, de corrido, sen entoación, sen unha mínima parada entre versos. Un desastre. Menos mal que Pablo Seijas toca ben a guitarra e os seus acordes fixeron a actuación máis levadeira. Para levantarse e marchar na metade da función. Algo que nunca fago por respecto.
ATENEA GARCÍA (As ben dadas)
Fala con gheada e toca ben a pandeireta. Os temas van sobre da diversidade sexual, con moita ironía e retranca, ben argumentados con exemplos históricos de travestis como Leopoldo Fréjoli, ou lesbianas. E moita xeografía galega, de agradecer. A ela nótaselle que se divirte contando. Empatía correspondida. Ben.
RAQUEL NOGUEIRA E IVÁN MARCOS
(FOTO DE VANESSA RÁBADE)
RAQUEL NOGUEIRA E IVÁN MARCOS (A historia vaxenial)
Contar a historia de como a sociedade e os homes trataron ás mulleres, con tanta claridade, dende o paleolítico ata os nosos días. Dende que eran consideradas deusas, pasando polo matriarcado e polo patriarcado, sen prexuízos e chamando as cousas polo seu nome. É dicir, chamarlle cona á cona porque ese é o seu nome, ten mérito. Parece mentira que aínda sexa preciso sentir coma unha ousadía nomear sen vergoña certos órganos que a natureza nos deu, por moito que a sociedade actual se considere feminista de boquilla, os homes falamos da pirola ou dos collóns sen o mínimo recato. E aínda que vivimos tempos dunha vindicación máis visible e combativa é preciso sinalar, como fai Raquel, que moi ilustres científicos como Darwin e Freud, entre outros, argumentaron e xustificaron prácticas que só tiñan como fin dominar ao sexo feminino.
Saúde...
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA











Comentarios
Publicar un comentario