FIOT 35 - RUAR E RIR (I)

 RUAR E RIR (I)

FIOT 35

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

Santiago Pazos

CARLES SANS (FOTO VANESSA RÁBADE)
 

Algunha xente recordará este título por dúas intervencións que fixen hai tempo nos pasos de peóns en Carballo patrocinados pola Concellaría de Turismo e coa axuda da Asociación de Artistas Crea Formas e os Institutos Alfredo Brañas e Monte Neme. Hoxe penso que lle acae ben a estes artigos colectivos que lle dedicarei á Rúa dos contos, ao Teatro de Rúa e outras actividades.

Como sabedes, entre as actuacións, que se representan en diversos locais, imos ruando, rindo ou comentando entretidos sen outra intención que pasalo ben, ou defraudados por non sentirnos satisfeitos. Cousas do teatro, ás veces ris e outras bufas. Como di a actriz Pilar Castro, cada noite podes fracasar e a vertixe sempre está presente. Pero nunca se di que os espectadores sufrimos tamén desa sensación de ver as nosas expectativas frustradas.

 

FRAN REI (FOTO VANESSA RÁBADE)


FRAN REI (Hamelín)

Hai tempo declaraba Fran que a técnica que traballa (Clown) precisa moito da improvisación, como unha atracción de feira, sabes como sobes pero non como baixarás. Algo así deberon sentir os usuarios do Centro de Maiores de Carballo e de AFABER cando viron que a famosa historia de Hamelín podía ser transformada e contada dun xeito máxico que descoñecían. A idea é boa, mais penso que precisa de axustes tanto na execución dos números de maxia como na manipulación do monicreque da nena. Aínda así parabéns! Xa que o fin do acto era que esa xente maior ou con alzhéimer (esquecidos moi acotío) pasasen unha boa tarde, aínda que esta obra pareza destinada ao público infantil. Teño que dicir que gocei máis cos seus sorrisos que co espectáculo teatral.

 

JOSITO PORTO (FOTO VANESSA RÁBADE)


JOSITO PORTO (Laretadas)

Gústame máis como actor teatral. El xa di que non é un contacontos. Tampouco consegue crear un monólogo con estrutura e substancia que enganche ao público presente. Estas laretadas non son outra cousa que esbardallar sobre as supostas miserias do propio actor. Non faltaron comentarios verdadeiramente cómicos como o dos nenos cagóns, as tetas da nai, ou aquel que lle alcumaban, se non recordo mal, Boa vista cando era cego. Mellorable.

 

SPINISH CIRCO (FOTO VANESSA RÁBADE)


SPINISH CIRCO (Ata o ceo)

Cunha estética moi coidada e vistosa, esta compañía de circo contemporáneo con música e voz en directo conseguiu engaiolarnos, tanto nenos como maiores. Moi bo ritmo e movementos elegantes e limpos. Certo que nalgunha acrobacia o acabado non era perfecto, pero parecía que estaba feito adrede para arrincar nos espectadores exclamacións de temor infundadas. Quizais os exercicios non supuñan un risco extremo, aínda que tiñan a suficiente complexidade e exixencia para sorprendernos. Como exemplo eses oooooh! prolongados dos nenos.

 

CARLES SANS (FOTO VANESSA RÁBADE)


CARLES SANS (¡Por fin me voy!)

Non creo que o deixe. Está en plenas condicións físicas e creativas. Un mestre da mímica, como ten demostrado con Tricicle, que é quen de engadir a palabra e non defraudar. O tema dos homes cando se retiran está moi trillado, pero este artista é capaz de enfocalo con intelixencia cómica. Conta tamén parte da súa traxectoria artística, axudado dunha pantalla de vídeo onde vai mostrando imaxes variadas e fotos persoais, como referente de outra realidade a que se ten que enfrontar. Non ter nada que facer, ou non saber como ocupar o seu tempo libre, que é todo o día. Un portento que comeza declarando que non ten hobbys. Curiosa esa definición de viaxar que fai: “cagar fora”. Un pracer.

 

DANIEL HIGIÉNICO


DANIEL HIGIÉNICO (Cancionólogos)

Divertido e burlón, tanto nos seus comentarios entre cancións como nas letras cheas de ironía ácida como facía o admirado Javier Krahe, e cun ton de voz que recordaba a Sabina. Aclarar que, a pesares destas referencias que cito por propia percepción, é un artista con personalidade propia. Xesticulando con exaxeración para arrincar unhas risas dun público agradecido e atento.

 

SOBRIA E SERENA (FOTO VANESSA RÁBADE)


SOBRIA E SERENA (O chou)

Dúas mulleres que se rin de si mesmas mentres contan a súa vida dende que naceron, facendo chistes facilóns e citando a canto camándula famoso enche espazos nos medios de comunicación. Unha primeira parte na que me aburrín e unha segunda na que invitan a subir ao escenario a unha señora para participar nun suposto programa de televisión para facer un acto de vindicación feminista que me pareceu moi axeitada.

Saúde...

 

NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA

 

 


 

 

Comentarios

Entradas populares