FIOT 35 - AMABLE, PERO INDOMABLE
AMABLE, PERO INDOMABLE
FIOT 35
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
Santiago Pazos
“Eu son amable pero indomable” insistía Cabeza Quiles cando lle dicía que era un home recio. Hoxe, mantendo o seu recordo, penso que esa afirmación contén unha boa definición da miña concepción do teatro. O humor acre, a sensibilidade, a crítica sarcástica ou feroz, os acontecementos de dor máis profundo, forman parte dese mundo. Ás veces vemos dramas que nos provocan gargalladas e comedias que deixan ao descuberto, entre risas, problemas sociais que agradecemos ver dende unha óptica menos lacrimosa. Como di Passolini “Entre os berros máis altos xurde un silencio profundo”. O teatro é crear espazos vitais nos que, acción, movementos e pausas marcan os tempos, sentimentos, ilusións, trunfos e fracasos. A realidade preñada de fumes do pasado, do presente contraditorio e do futuro inquedo. Podemos concibilo a través dos espellos esperpénticos de Valle Inclán, ou nas cidades invisibles que Italo Calvino constrúe como reais cando só son un invento imaxinario provocado por unha cultura milenaria.
COLAPSO Y CAOS
Acerta o FIOT co lema desta edición, un reduto de distensión crítica cando vivimos unha situación na que as normas pacíficas de entendemento son bombardeadas por intereses que só benefician a grupos de poder moi concretos. Proposta con diversidade de visións sobre os conflitos que nos preocupan. De feito, a maior parte das obras que poderemos ver inciden na percepción que a maioría temos da situación política e social actual. Aínda que desexo e oferta non sempre concorden. Cando nos vemos inmersos no caos e non somos quen de poñer orden, o mellor é buscar unha acertada vía de escape. E pode ser que o teatro sexa unha delas.
PROGRAMACIÓN
Como xa é costume, un bo refrito no que encontramos propostas de todas as manifestacións das artes escénicas. Marca do FIOT, entreter a públicos de todas as idades e inquedanzas. Pola miña parte, feliz de volver ver a Chapitô, con “Odisea”, compañía que sen precisar de escenografías artificiosas son capaces de sorprender enchendo o escenario con elementos cotiás creando espazos e figuras imaxinativas e excelentes interpretacións. Tamén gozar de Chévere nesa homenaxe a Castelao, sempre coa súa persoal ironía analítica que obriga a cuestionar historias que asumimos como certas cando esquecemos que a dúbida é fundamental. E “Libres”, de Andrés Lima, definida como cabaré anarcosicalíptico, na que teño moito interese por comprobar se, no arte, as estirpes familiares, como manifesta Alba Flores, lévase no sangue. E espero que El brujo arrisque un pouco máis que a última obra que vin en Almagro da que saín decepcionado, sen quitarlle méritos, por suposto. E sigo mantendo a expectación polo OTNI e por “Caballitos de mar”, esa obra para adolescentes. E na Rúa dos contos destacar a participación de Carles Sans (Tricicle) e Daniel Higiénico.
Hai moito máis que poden ver en www.fiot.gal. E de querer seguir os meus comentarios poden facelo en La Voz de Galicia ou en Radio Voz Bergantiños.
XOGLAR DE OUTONO
Felicitar ao Director técnico, Antonio Porteiro, por ser nomeado Xoglar de Outono. Home afable e profesional imprescindible para que todo o que se esconde detrás do escenario funcione correctamente. E recomendar, por se cola, que en próximas edicións llo concedan, a poder ser en vida, a José María de la Viña, merecedor desa distinción, sen dúbida, por ser xerme da existencia deste festival, aparte de gran divulgador das súas actividades durante tantos anos. Como el, eu tamén quero acabar con ese “O teatro chegou: ¡viva o teatro!” Saúde...
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS
DE LA VOZ DE GALICIA




Comentarios
Publicar un comentario