CHÉVERE (ICTUS "ANATOMÍA DE "A DERRADEIRA LEICIÓN" DE CASTELAO)
FIOT 35
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
CONTRA O ESQUECEMENTO, MEMORIA
(A propósito de “Ictus”, de Chévere)
Santiago Pazos
Para os que somos fieis seguidores de Chévere sabemos que cada obra que crean vai a exixir un esforzo de comprensión, tanto na súa estrutura escénica como no tratamento narrativo. Son únicos en destripar os temas que desenvolver dende unha perspectiva analítica que procede dun profundo traballo de investigación histórica, sociolóxica e política. Non importa tanto a escenografía, a montaxe visual, como a pedagoxía social e combativa, a mensaxe, que queren trasladar. Un método de traballo que poucas compañías se permiten, por non poder ou por non querer. De aí que lle dediquen tanto tempo a construír estes edificios teatrais tan complexos. Teatro documento e ben documentado. Afortunadamente con éxito.
En Ictus (Anatomía de “A derradeira leición do mestre” de Castelao) non só reivindican a memoria, utilizando como metáfora a unha señora que sufriu un ictus no que perdeu os recordos e loita por recuperalos, senón que engaden outra moi importante como é a inclusión e accesibilidade de persoas cegas e xordas para que poidan gozar tamén da arte dramática e da vida en comunidade.
No fondo veñen a sinalar que a propia sociedade sofre un ictus provocado polos silencios e o revisionismo histórico. Como exemplo que Feijoo, naquel momento Presidente da Xunta, cando ese cadro icónico chega ao Gaiás non cite Alexandre Bóveda e só fale dos mestres e tampouco fale dos asasinatos franquistas. Algún, coma o de Bóveda, camuflado nun xuízo sumarísimo militar sen proba algunha das acusacións para condenalo á morte. A outros, como Lorca, déronlle o paseo, uns tiros, e aló foi. Coma sempre o que non se conta non existe.
A posta en escena é sinxela paro suficientemente explicativa. Un narrador locutor, Borja Fernández, que vai explicando o que acontece no escenario para que os ceg@s e sord@s que poidan estar na sala poidan seguir con toda normalidade a función que están a presenciar, dous actores que poñen a voz actuando coa naturalidade a que xa nos teñen acostumados Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, sen artificios interpretativos, e outros dous que semellan ser a súa sombra, Gema Santos e Marcos Pereira, xorda e cego, que repiten os textos a través da linguaxe signos. Por iso a función faise longa e require do espectador máis atención que a que polo normal ten que poñer na maioría de espectáculos que se programan. Algo que, penso, paga a pena.
Hai máis, pero destacar algunhas escenas que me sorprenderon especialmente. Esa con tanta sensibilidade na que o cego vai repasando delicadamente coa man o cadro e descobre que un dos nenos mexou por el, aquela na que un Castelao case cego acompañado de Virxinia acude a firmar a súa obra, as declaracións das testemuñas no xuízo, e a que lle fan un test ao Conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, e ao Ex Presidente Feijoo.
Pero a que máis impresiona e cando abren a fosa na que está enterrado Bóveda e descobren que no bolsiño da chaqueta, preto do corazón, leva unha foto dos fillos. Venme a memoria o que conta o escritor Juan Benet, en “Volverás a Región”, sobre un republicano escondido no soto da súa propia casa, un morto en vida, que cando podía e sentíase confiado subía a cear cos fillos para que non esqueceran que seu pai sempre estaría con eles por moito que na metade da cea tivera que fuxir a esconderse de novo.
Como din Patricia, Miguel e o Director XRon, máis que de Castelao ou de Bóveda este traballo vai de recuperar a memoria histórica ben documentada, tomando como detonante un ictus accidental. Un tipo de teatro imprescindible para espertar conciencias. En Chévere sempre escollen o camiño máis comprometido. Eu repetiría. A poder ser non a perdan.
Saúde...
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA




Comentarios
Publicar un comentario