ÁLVARO CORRAL CID (ASOBALLADA POR FENTOS) E PSIRC (COSAS PEQUEÑAS)
FIOT 35
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
A MENSAXE E A FORMA
(A propósito de “Asoballada por fentos” de Álvaro Corral Cid e “Cosas pequeñas” de PSIRC)
Santiago Pazos
Recordemos esa reflexión de McLuhan, que podemos aplicar ás artes escénicas, cando afirma que a forma na que se transmite unha mensaxe inflúe moito máis na sociedade que o contido en si mesmo. Puidémolo comprobar nos dous últimos OTNI.
Por unha parte en “Asoballada por fentos”, un discurso lido de corrido, non interpretado, por Álvaro Corral Cid que, de non ser por Gabi Reboredo (músico habilidoso que canta estupendo e recupera cantigas desa época, incluída “Airiños, airiños. Aires” de Rosalía), sería insufrible. Non deixa de ser un traballo en proceso de elaboración pero, sen dúbida, quédalle moito traballo por facer. A idea de documentar a utilización que a Sección Feminina de Pilar Primo de Rivera fixo do chamado folclore hispano con colaboradores como Rafael Benedito Vives non está mal. Pero estamos no teatro, non nun salón de lecturas. Polo menos podía poñer unha camisa azul cando le o texto do falanxista José Antonio, antes de morrer fusilado, e non un uniforme do exército do aire. Queda de manifesto que cada discurso precisa dunha adecuada representación.
Por outra parte temos “Cosas pequeñas” de PSiRC, que sen precisar darnos unha conferencia lanza unha mensaxe nítida. Vivimos dentro de botellas de plástico que están a invadir o planeta. Todo se converte en mercancía. Ata o neno Jesús, o moneco máis reproducido e vendido no mundo. Non é unha obra perfecta. Ten defectos como a insistencia na escena dos reis magos. Pero actúa, como mimo ou equilibrista. Tiñamos o corazón nun puño cando se sentou naquela cadeira enriba da mesa. E as imaxes visuais da cámara de vídeo proxectadas na pantalla eran bastante ilustrativas. As formas eran tan potentes que a mensaxe chegaba de xeito sinxelo. Só con dicir que o home pode ser unha lámpada, unha árbore ou unha cadeira, o inicio dun novo orden no que as persoas se definan, non polo que producen senón polo que son, xa está a contextualizar un concepto que non precisa de discurso algún. O espectador recibe con nitidez a mensaxe. Por suposto, actuando, dándolle forma ao que escoitamos. Para iso está o teatro.
Dío ben claro Vicente Verdú, en “Yo y tú, objetos de lujo”: “hoxe non se aprende mediante largos discursos, senón por instantáneas que o cerebro se encarga de asociar”. E eu creo que no teatro tanto as ideas sen forma, como as formas sen ideas están condenadas a fracasar.
Saúde...
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA





Comentarios
Publicar un comentario