YO SOLO QUIERO IRME A FRANCIA, CON MARÍA GALIANA
(FIOT 34)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
A CORRECCIÓN COMO ESTILO
SANTIPAZOS
“Yo solo quiero irme a Francia” demostra que a corrección tamén pode ser un estilo teatral que se fundamenta en que todos os elementos cos que se traballa están medidos ao milímetro. Non cabe ningún tipo de exceso nin distracción, e os riscos, tanto narrativos como interpretativos, son inexistentes. Non diría que é lineal porque é certo que desenrola unha trama na que o engano xoga un papel importante e os interrogantes que se abren dende o principio espertan certo interese, por moito que nunca alcancen a ter esa sensación de suspense que obriguen ao espectador a tensar o corpo.
Conta unha historia ben construída, con moitos argumentos discursivos, montada sobre catro pilastras que funcionan como vasos comunicantes, vida e morte, presente e pasado, na que destacan as referencias que se fan sobre da Sección Feminina falanxista dirixida por Pilar Primo de Rivera, e da condena á que someteron a tantas mulleres obrigadas a fuxir das súas vilas para non sufrir o escarnio e desprezo das forzas fascistas que gobernaban, xa fose por motivos ideolóxicos, ou como neste caso por quedar preñada sendo solteira.
Unha época de represión que debe ser recordada a través da Memoria Histórica para que non se volva a repetir. De aí a importancia desa pescuda no pasado feita polas dúas irmáns que se acaban de coñecer e que vivían no limbo da ignorancia. Vemos estes días, por desgraza, como en Madrid o Alcalde Almeida pretendía arrincar unha placa dedicada a Largo Caballero e a Presidenta Ayuso négase a poñer unha na sede da comunidade, antiga casa de correos, en recordo das torturas a presos políticos detidos polas súas ideas que alí se practicaban de cotío, (recordemos a Billy el niño), ata a instauración da democracia. Por certo, nos sotos dese edificio estivo detida Carmen Rodríguez Caamaño, socialista carballesa que militaba no PSP colaborando con Tierno Galván.
Pero sigamos coa montaxe escénica desta obra. Está ben dirixida por Elisabeth Larena, sobre todo en canto a os movementos das actrices e a súa colocación en riba do escenario. Aínda que mantén un ritmo demasiado repousado, ao meu entender, incluso en momentos de certa intensidade dramática, A escenografía, con ese papel floreado e roto por cachos deixa intuír a decadencia de quen a habitaba e que acaba de morrer. E os efectos sonoros que veñen de fora, dá amplitude a ese ambiente cerrado no que se contrapoñen dúas mulleres vivas que asisten a un velorio, e dúas mulleres mortas que se fan presentes en espíritu, creando unha dicotomía escénica interesante.
En canto ao traballo das actrices, dicir que tanto Alicia Armenteros como Anna Mayo, como as irmáns, defenden os seus papeis con soltura, aínda que por momentos parezan un pouco dubitativas e perdan peso. Sen embargo, Nieve de Medina destaca polo vaporosa da súa actuación, non esquezamos que está morta. E de María Galiana, qué diremos! Mestra e actriz provecta moi respectada e coñecida grazas a súa interpretación nunha famosa serie de televisión.
María Galiana non se nota que actúe, faino con tanta naturalidade que parece que a temos no salón da nosa casa charlando tan amigablemente. Ese prólogo que nos regala antes de comezar o espectáculo xa presaxia que esta obra está escrita para ela, para que se luza e manteña a función baixo o seu control de tempo, movemento e ritmo. Moi acertado ese seu último epitafio: “A vida é un largo velorio onde non se sabe ben quen está morto e quen vivo”.
Non considero que sexa unha obra que vaia a pasar a historia da arte dramática, nin é ese tipo de teatro que a min me enche, pero fan un traballo moi correcto. Entreteñen e incluso divirten con certos xiros cómicos moi típicos da comedia española, ao tempo que espertan conciencias en prol da liberdade, tarefa fundamental nestes tempos nos que o autoritarismo rexurde encuberto tras unha bandeira liberal tan cínica como a protagonista desta obra. Aí si merecen o meu aplauso. Tristemente, penso, xa non quedan moitos lugares a os que poder fuxir na procura dun refuxio de liberdade asegurada.
E quero felicitar, por suposto, a Contraproducións, produtora teatral galego carballesa. por estender os seus tentáculos máis aló da nosa terra con tanto éxito.
Saúde e longa vida…
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS
DE LA VOZ DE GALICIA



Comentarios
Publicar un comentario