ENTRAÑAS, DE EL PATIO TEATRO

 

(FIOT 34)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

ESA CÁLIDA LUZ

 

SANTIPAZOS


Como xa teño comentado, o bo teatro precisa dunha potente arquitectura para que sexa crible. Incluso o máis absurdo, recordemos a Ionesco ou Beckett, ten unha estrutura perfectamente deseñada para manterse en pé. Obras que poderán ser reinterpretadas eternamente ou, pola contra, como dicía Genet: “unha única representación ben feita debe ser suficiente para non volver a repetirse”. 

Conto isto porque a estrutura, a posta en escena chea de obxectos, que recorda eses laboratorios científicos decimonónicos, esa cálida luz e ese ton profesoral destas “Entrañas”, de El Patio Teatro, parécese moito a “Conservando memoria”, da mesma compañía, que xa vimos noutro OTNI en 2019. E se naquela se preguntaban cándo nacía un recordo ou qué ingredientes necesita unha vida para ser extraordinaria, aquí dannos unha clase maxistral sobre o corpo humano, dende os pés ata o cerebro. E como ben din, se somos moito e apenas nada, só podemos encher o espazo de preguntas para saber, por exemplo, se a nosa pel ten memoria. 

Unha obra que non ten tacha. Todo está perfecto, tan bonito e agradable que mesmo queres repetir e dáche noxo que non dure un pouco máis. Os conferenciantes que parecen actores falan cunha claridade explicativa tan ilustrada que estou por estudar anatomía para aprender, dunha vez por todas, de que estou feito. Alma non teño. Seino porque son ateo, pero a saber en que parte do meu corpo están os sentimentos. Ai, se Antonín Artaud levantase a cabeza!

Nestas dúbidas é onde xorden os sen embargo. É dicir, iso de que todo esta ben, pero... No teatro, sempre esperas ver ou escoitar algo que te emocione. A estética é un aditamento imprescindible, mais as formas han de ir acompañadas dunha instrumentalización na que a mensaxe sexa protagonista. E os actores son os encargados de transmitir todos eses significados que esconden as palabras. Un bo exemplo é aquel “Silencio” no que Blanca Portillo interpreta o discurso de entrada na RAE de Juan Mayorga. Insisto, interpreta como a gran actriz que é, non nos le unha conferencia.

Saúde e longa vida…


NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS

DE LA VOZ DE GALICIA



 

Comentarios

Entradas populares