XAMPATITO PATO, LA CREÍDA
(FIOT 34)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
ARTÍSTICOS CHINTÓFANOS E OUTRAS POSES
SANTIPAZOS
Como xa dixera Hegel, a arte non é un
produto da natureza, senón da actividade humana, que está esencialmente feito
para dirixirse aos sentidos recorrendo á nosa parte máis sensible e que ten
un fin en si mesmo. E no teatro, xa sexa
por exceso ou por defecto, esquécese ás veces que o importante non é como
vistes senón o que contas. E dicir, para chegar a ese sublime estado que nos
toca no máis fondo non son suficientes nin as poses exaxeradas nin a pericia no
uso de certos elementos. O espectador exixente precisa dun argumento que defina
ese fin en si mesmo. Como en todas as profesións, ser excelente non é fácil.
Pero se ves que se está a facer un esforzo, o público móstrase bastante
comprensivo.
Como esa nena pequena que tiven de veciña
para ver “Compaña”, de Xampatito pato, que gozou do espectáculo e que lle daba
un dez de nota a primeira vez que lle preguntei, mais cando puxen algún reparo
decidiu libremente que cun notable ía ben servido. Eu, tamén libremente e moi
comprensivo, pensei que un aprobado era suficiente.
Certo que non facía nada mal. Dominaba con
mestría todos os chintófanos, supoño que de produción propia, que tiña enriba
do escenario. Todo era tenro e tan bonito, con esa luz amarela que suscitaba
intimidade e aquela canción tan acaída que soaba, creo recordar que era de ABBA,
(a quen non lle justa, recórcholis!). Era tan irreal que parecía de verdade,
pero...
Pero non tiña outro fin que sorprender aos
cativos con malabarismos ben executados e mil veces vistos. No era un OTNI
(Obxecto Teatral Non Identificado) porque levaba o número do DNI marcado na
fronte. Quizais na programación do Fiotiño tivera mellor encaixe.
Divertinme máis con aquela nena rindo
despreocupada, como se entendese perfectamente o que pasaba no escenario,
exercendo de experta crítica teatral que das peripecias oníricas deste clown.
Outra cousa é o que vimos o sábado no Mercado Municipal. Posiblemente o peor espectáculo que recordo nos últimos vinte anos. “Zorras”, da Compañía asturiana La Creída, tiña un fin claramente destrutivo, algo que non tiña que ser negativo en si mesmo. Unha chea de poses desenfocadas, mala iluminación e peor son. Se alguén sabe algo do que querían contar que me mande un correo, por favor. Iso si, os rabos que levaban cosidos no cu eran ben simpáticos. Di o programa do FIOT que é un espectáculo cabareteiro, cómico, primitivo e moi instintivo. Eu destacaría ese aspecto primitivo. Ninguén é perfecto!
Saúde e longa vida…
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NE EDICIÓN DE BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA



Comentarios
Publicar un comentario