TEATRO PARA TODOS

FIOT 34

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

TEATRO PARA TODOS

SANTIPAZOS


 

Como había tempo que non visitaba a zona do Pazo da cultura, aínda non vira o lavadoiro “público” pechado a cal e canto por unha arameira. Solución drástica para evitar okupas que ao mesmo tempo rapta, para toda a cidadanía, o propio significado, a memoria, e a función que ese lugar ten.

Acto seguido acudín a inauguración da exposición Zoom FIOT e da instalación artística de Noelia Paz, espléndida!, titulada “Xesto”, na que dúas enormes mans entrelazadas formando un arco, tecidas con delicadas tiras de cartón, parecen querer abrazar a eses espectadores que veñen gozar das artes escénicas. Dous impactos visuais e sensitivos contraditorios que me levaron a recordar unha cita de Saramago manifestando que “o teatro é certo porque o mundo enteiro non pasa de ser unha comedia, cambiando o cartel, as luces, os remendos nas roupaxes e no telón de feito que, con vontade, Shakespeare ou Sófocles puideran ser representados nunha porqueira”. Así que, digo eu, o gran teatro do mundo e para todos por moitas arameiras que se poñan. (Atentos ao que pasa en Gaza).

Este é un dos grandes valores do FIOT, programar espectáculos que reflexionan sobre todo tipo de temas e sensibilidades para un publico onde todas as idades teñen o seu espazo. Despois, xa saben, ás veces acertan e outras... Cousas do directo. Cada función é un reto no que o éxito de onte, hoxe non sirve para nada. Por iso as contradicións son para o teatro a raíz e a sangue que o alimenta.

Na presentación deste FIOT 34, dicía o Presidente de Telón e Aparte, Alberto Sueiro, que o teatro é raíz viva e memoria colectiva, pero tamén un artefacto de transformación. Un acto de amor que precisa de espazos e financiamento adecuados. Eu engadiría que fundamentalmente debe ser transgresor, crítico e irreverente. Aí reside, por exemplo, o traballo de Fran Sieira, con “Un baile ceibe”, que puidemos ver ese mesmo día. Sorprende esa concepción da danza contemporánea, colorista e diversa na que todas e todos cabemos, só hai que atreverse. Pero deixando de lado os prolegómenos, esta fin de semana xa puidemos ver algunhas funcións realmente boas tanto en Teatro de rúa coma na Rúa dos contos.

Cabe destacar en primeiro lugar a profesionalidade do ilusionista e cómico carballés Álex Louzao que con “Feitizo”, seguindo como alumno avantaxado ao seu mestre Juan Tamariz, despois de quitarse unha flor do cu, falou sobre da relatividade do tempo citando a Borges, insistiu en que a casualidade é algo que non é casual, e demostrounos que a fascinación que exerce a maxia, xa sexa con moedas, cartas ou adiviñanzas, pertence a un mundo irracional e imposible e que precisamente por iso é tan sorprendente. Parabéns para el e forte aplauso.

Certo é que viña eu moi motivado pola tenrura e sensibilidade estética da Compañía niMú, con Xandra Gutiérrez, unha excelente clown que domina a técnica e engaiola ao público amosando simpatía e familiaridade. Acompañada por un violín, sacou a escena a unha parte do público, que parecía que xa tiveran o seu papel ensaiado con anterioridade, para facer unha viaxe imaxinaria cara ningures. Ben. De Planeta Trampolí pouco podo dicir, vin o principio musical e marchei, as camas elásticas danme vertixe. Aquí o principal é que os nenos, moitos, estábanse a divertir moito. Menos se divertiron na Residencia de maiores con Rogelio. A eles gústalle participar, subir ao escenario e contar. Desta vez non lles tocou ata moi ao final e sóubolles a pouco.

Di Woody Allen que mentres haxa liberdade haberá humor. Estou totalmente de acordo. De aí que haxa cómicos como Pepo Suevos que celebra 25 anos de profesión e métese, sen complexo, coa Reforma laboral, os impostos, ou dubida da orientación sexual do Rei de España. Risas e aplausos. A xente, como a título particular non pode, paga para que os cómicos desbarren o que lles pete. E nesa senda camiña Darío Mares que pensa que berrando un pouco ímoslle entender mellor os chistes, algunhas ocorrencias como as das “heces”, ou a caída do pelo, son boas, todo hai que dicilo. E, sen embargo, Marita Martínez, traballa dende perspectivas máis familiares. Agradables e divertidas historias nas que destripa a súa propia existencia. Mágoa que lle sobrase media hora.

E noutro lugar máis complexo está Lois Pérez. Poeta e músico xenial, rompedor e crítico, que demostra que a lírica non é casar academicamente o final duns versos, senón que é unha visión personalizada e vital do universo que habitas. Como ben di o “Rifante”, segundo conta o artista, a vergoña é ben peor que a fame.

Saúde e longa vida...


NOTA; ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA


 

Comentarios

Entradas populares