QUICO CADAVAL, CELSO SANMARTÍN, PAULA CARBALLEIRA, GALEATRO
(FIOT 34)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
NO MONTE NON TODO É TOXO VELLO
SANTIPAZOS
Sen espiñas, nin rosas nin flor de toxo
habería. E sen a banda sonora de Quercus Blues, que nos regalou os oídos o primeiro día
do FIOT, aquelas enormes mans de finas tiras de cartón que nos recibiron
posiblemente serían máis ásperas. A natureza precisa de certos tipos de
artefactos de destrución masiva para defenderse do ataque de quen quere acabar
con ela e de beleza e acollemento, xa que no monte non todo é toxo vello, para
quen a respecta. De aí, tamén, que na literatura en xeral, e especialmente no
teatro, a metáfora sexa unha especie de caixa de Pandora onde se agochan,
ademais dos ventos, os dardos, as apertas e os camiños que conducen cara a liberdade.
BERENGUELA NA GAIOLA
Así, Berenguela é a un tempo flor, espiña e
metáfora porque Manuel María quixo deixar ao descuberto a
hipocrisía e manipulación dos máis poderosos. (Moi de moda nas relacións
xeoestratéxicas do mundo actual nas que as vítimas parecen ser culpables das
desgrazas provocadas polos seus verdugos). Unha peza creada para facer un
teatriño de monicreques que o enxeño e pericia de Paula Carballeira
transforma, cargándoa de simbolismo sen perder as esencias, nun clamor contra
as inxustizas e en defensa das ansias de liberdade. Paula, xa sexa como
escritora, directora ou contacontos, entre moitas outras facetas, é un seguro
de calidade.
Unha montaxe, ao meu parecer, moi
intelixente porque ocupa pouco máis de medio escenario, un teatriño dentro dun
teatro. E cabe destacar as actuacións tanto de Alba Bermúdez e Toné Martínez de
Galeatro, como de Atenea García de Xarope, aínda que se notasen certos
desaxustes por ser a estrea. Pero os que se levan o meu aplauso máis sonoro son
Lorena Calvo pola caracterización e Nicolás Zamorano pola escenografía e iluminación.
Unha obra con mensaxe para todos os
públicos que merece ter éxito e que recomendo ver. Así que se teñen ocasión non
dubiden.
DOUS OLLOS DE VIDRO
E que dicir dos mestres Quico Cadaval e Celso Sanmartín, tanto
monta/ monta tanto Ribeira como Lalín, léndonos en directo a Castelao, mentres
van debullando, entre parágrafos, unha chea de anécdotas, historias,
referencias e comentarios de colleita popular ou inventadas que te enfeitizan?
Teño tanto escrito sobre ámbolos dous e
sempre para ben que tería que facer un corta e pega repetíndome. Eu non domino
esa arte que eles teñen para contarche mil veces a mesma historia e que cada
vez pareza distinta. Son, cada un no seu estilo, coma eses meandros dos ríos
nos que, aínda perdéndote, sempre acaban nun bo porto de acollida, ou no mar
océano para seguir navegando con rumbo descoñecido.
Desta volta, todo parece improvisado, mesmo
o texto de “Un ollo de vidro” semella estar a reescribirse, mais sospeito que non é tan certo como
parece. Son profesionais que dominan as artimañas do engano. E se un cita a Risco, o outro cita a Laxeiro,
se un describe a ironía e o sarcasmo, o outro fai o mesmo coa retranca.
A min, dende logo, son capaces de transportarme a mundos descoñecidos nos que sempre me sorprendo. Algo que me pasa tamén con Cándido Pazó ou Paula Carballeira. E os que me len con frecuencia saben que non son fácil de contentar. Pero estes dous xenios son para darlle de comer aparte. Parabéns e aplauso clamoroso.
Saúde e longa vida…
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA
%20.jpg)


Comentarios
Publicar un comentario