INSTINTO DESEXO, DE BAL CASTRO
(FIOT 34)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
POLO BO CAMIÑO
SANTIPAZOS
É de agradecer e aplaudir o traballo que, coa colaboración de un grupo de concellos como Carballo, están a facer as Residencias Artísticas e Proxectos Magnéticos (RPM) a través do Programa de Residencias Paraíso. Facilitar que artistas emerxentes poidan desenrolar proxectos creativos interdisciplinarios que por si solos non poderían facer é unha excelente iniciativa. Moitas destas iniciativas quedárense nun bosquexo sen maior recorrido, pero outras terminarán sendo obras de gran calado, algo que dependerá da perseveranza dos propios artistas. En último caso sempre serven para aprender e medirse un consigo mesmo e sopesar as propias capacidades técnicas e creativas.
No caso de Bal Castro, con “Instinto Desexo”, penso que vai polo bo camiño. Un work in progress, tendo en conta a temática da que trata, moi arriscado. As cuestións sexuais sempre crean conflitos porque afectan a propia intimidade e a moralidades diversas que sempre perseguen controlar os comportamentos amorosos da sociedade coartando a liberdade que cada quen ten de gozar do propio corpo, respectando, iso si, certas liñas vermellas que non se deben cruzar. Por citar algunha, (por suposto hai máis), a aceptación mutua evitando calquera tipo de violación pola forza, ou a extrema protección da mocidade e a infancia. Eu, de todos modos, sempre me pregunto cómo pode ser que algo ten sinxelo, en principio gozoso, pode crear tantos problemas e traumas tanto persoais como sociais?
Neste caso concreto, un homosexual que vive obsesionado co sexo todo o día, de xeito compulsivo, dáse de conta que se está a converter nun corpo de usar e tirar e que o goce dun momento multiplicado por 170 falos non enche o baleiro sentimental que leva dentro. E, por riba, que o actor diga que é autobiográfico dálle unha intensidade que consigue que o espectador se sinta conmocionado. No aspecto persoal aposta forte e o público asistente, (pouco), agradece ese exhibicionismo indispensable para que a proposta funcione tanto textual como formalmente.
Soa “Cantando bajo la lluvia” e aquel rapaz, inmerso xa nese mundo de luxuria no que incluso acepta ser tratado con desprezo cando practica “cruising”, (sexo ocasional ao aire libre), viste un traxe de “daddy”, (home maduro, pai), e sóbese sobre desa cinta de correr caseira que, metaforicamente, serve de punto de escape e a mesmo tempo de camiño desesperado para poder recoñecerse, reencontrarse consigo mesmo coa axuda dunha pantalla que, a través de primeiros planos, transmite toda esa ansiedade angustiosa na que o protagonista vive.
Moito material para media hora pero, dende o meu punto de vista, escaso para tratar un tema tan complexo. É dicir, precisa seguir traballando xa que hai variantes múltiples que desenrolar nun tema coma este. Por exemplo o predominio actual das plataformas pornográficas que trunfan na actualidade e que tanto preocupan aos pais, a educación sexual nos centros educativos, etcétera.
Vese que Bal Castro amosa un traballo feito dende a
sinceridade. Algo que debemos agradecer e que, no debate posterior á
representación, a maioría dos espectadores así o fixeron a través dos seus
comentarios. Eu esperaba un pouco máis de ousadía e puxen en cuestión ese
argumento que utilizou o actor sobre da autocensura. Aló van Sade, Apollinaire,
Genet e tantos outros. E na actualidade hai actores e actrices que están a
traballar sobre esa hipersexualidade consumista con propostas máis
comprometidas. E é certo que existe un ideario ideolóxico na actualidade que se
está a impoñer dende certas esferas de poder e mediáticas que queren que
regresemos a época dos dinosauros esquecendo que un meteorito acabou con
eles.
Eu, a estas alturas da miña vida non estou disposto a ser condescendente e ir cortándome a lingua a pedaciños. Con respecto, si, pero sempre defendendo a miña liberdade de expresión. Tamén é certo, sexamos comprensivos, que cada creador, dende a propia idea de pudor que teña, debe romperse e abrirse en canal sobre do escenario ata onde considera que non lle rompe a cabeza. E certo, tamén, que pedir máis en media hora non deixa de ser un capricho estajanovista. Agora ben, sei que este actor mostra moi ben o que sabe facer e que esta proposta, con tenacidade, irá polo bo camiño. Demostrou que potencial para crecer ten de sobra. Confiemos.
Saúde e longa vida…
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS
DE LA VOZ DE GALICIA



Comentarios
Publicar un comentario