EVARISTO CALVO E FARRA
(FIOT 34)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
DE CLÁSICOS VAN ESTAS HISTORIAS
SANTIPAZOS
EVARISTO CALVO
Cando cheguei ao Serradoiro Eucatar, no Tarambollo de Sofán, para ver, dentro da programación FIOT en Ruta, “Mala vida e pior morte do rei Ricardo III”, producida por P.T. Excéntricas, Evaristo Calvo cun machado na man, estaba a cortarlle a cabeza a un montón de monecos que semellaban ser nenos pequenos, mulleres e todo tipo de supostos ou inventados inimigos. A escena entre táboas de madeira, que formaban altas torres, era bastante macabra e atolada. A continuación desa sanguinaria carnicería, pasamos a escoitar o soliloquio dun personaxe doente (en todas as acepcións da palabra) que se sente maltratado pola historia por culpa da maledicencia dun autor de teatro chamado Shakespeare.
Con textos e dramaturxia do propio actor, acompañado por María Lado, Antón Coucheiro e o propio autor inglés, intentan desmontar ese mito de que este rei mesmo era a reencarnación do mal. A obra, como non podía ser doutro xeito, vindo de quen vén, é un marabilloso disparate no que o maxisterio histórico e a elocuencia verbal deste gran actor, que lonxe de poñerse en evidencia como ten demostrado tantas veces, (cousas de cómicos), demostra que vive nun estado de graza creativa “innnnnn-su-pe-ra-ble” (como pronunciaría Dalí). Querido Evaristo, nunca deixas de sorprenderme. Agradecido. E aplausos.
Xa no Pazo da cultura puidemos gozar doutros clásicos como son os do século de ouro español coa Compañía Lucas Escobedo e a Nacional de Teatro Clásico que, con “Farra”, (Premio Max ao mellor espectáculo Musical 2025), invitan a celebrar a cultura, a música, o teatro, o circo, a risa e o divertimento máis desinhibido. E abofé que o conseguiron porque o público carballés sempre é de apuntarse ás festas. A min recórdanme moito a esoutros “case carballeses de adopción” chamados Ron Lalá, aínda que estes teñen máis táboas.
Aquí vimos a pasalo ben sumando variadas disciplinas circenses, teatrais e musicais. Moita chirigota gaditana, malabares que non falten cos seus correspondentes fallos técnicos, un número aéreo onírico sen moita complicación, un número de escaleira que recordaba a Pepe Viyuela, bandeiriñas de cores para que os espectadores se integrasen, e como base esas imprescindibles referencias poéticas nas que non falta ninguén, Lope, Calderón, Cervantes, Góngora, Quevedo, e un largo etcétera. Incluídas (e reivindicadas, por fortuna, tamén) todas esas mulleres que pretenderon silenciar como Santa Teresa ou María de Zayas. E acordáronse de Razo, supoño que para que soubéramos que sabían onde estaban.
En definitiva, todo estupendo, simpáticos, graciosos, enérxicos e con moito ritmo. Comprometidos tamén con todas esas causas sociais que eu comparto nun monólogo final cheo de sentimento no que invitaban ao público a subir ao escenario a proclamar ben alto o motivo polo que querían celebrar porque estaban en Farra, ou de troula. Mágoa que non subiu ninguén. O respectable estaba moi cómodo nas súas butacas facendo palmas e rindo. Iso si, aplaudiron de pé e con ganas. Eu, xa saben, este tipo de festexos non son o que máis me divirte, pero tampouco lle quero amargar a festa a ninguén. Volvan velos se poden e gocen. Dende logo estes actores fan todo o posible para que o espectador pase un bo rato sen esquecer que a realidade é ben máis crúa.
Saúde e longa vida…
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS
DE LA VOZ DE GALICIA




Comentarios
Publicar un comentario