EMPAQUE, DE CHICHARRÓN CIRCO FLAMENCO
(FIOT 34)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
ATREVIDO MESTIZAXE
SANTIPAZOS
A mestizaxe de diversas disciplinas nas artes escénicas
non é nada novo. Recordemos os experimentos de La Fura del Baus, ou o que está
a facer Angélica Liddell na actualidade, (quizais algún día o FIOT nos faga o
regalo de ver un espectáculo dela). Son traballos de investigación que
enriquecen e que debemos apoiar e aplaudir. Mais só con ter,(digamos), unha
xenial idea e boas intencións non é suficiente para que o resultado final desa
mestura teña personalidade propia. Como pouco é preciso dominar con soltura
cada un dos elementos que queremos fusionar.
Esa pericia técnica é o que eu botei de menos neste
“Empaque” de Chicharrón Circo Flamenco. Unha obra axeitada para formar parte
deste bloque chamado OTNI, sobre todo por esa ousadía estética que ten Germán
J. López Galván, e que me recordou aquel dito apócrifo sobre Lola Flores no que
anunciaban que nin cantaba, nin bailaba, pero aconsellaban ir vela. Este
artista inclasificable padece, ao meu entender, de todos eses defectos e por
riba tampouco parece un gran malabarista, mais en conxunto termina engaiolando
ao público, (pouco, por certo), con ese dominio que ten para lucir a bata de
cola e movela con arte e “tronío”, que tamén utiliza para crear formas e
figuras que si conseguen sorprenderme.
Para min non é suficiente, pero demostra que é artista
por devoción, deses que son de verdade e corazón, algo que soga ao seu favor. Por
algo di, íntimo, nun momento do espectáculo, que “lo puro” é difícil, hai que
sentir “el quejío”. Algo do que non é capaz todo o mundo. Como ese colega seu
que canta berrando a primeira hora do día, mentres el tempera a voz para
contestarlle cunha melodía agarimosa.
En definitiva, para iso está a mestizaxe, para romper as
costuras do previsible. Fundamental na evolución histórica das artes plásticas,
arquitectónicas, escénicas e, por suposto, das relacións e comportamentos
sociais. En contra desa liña recta que sempre tende ao infinito, como sinala el,
eu penso que os procesos creativos están cheos de curvas. E, precisamente, a este
“Empaque” viríanlle ben unhas cantas reviravoltas máis.
Saúde e longa vida…
NOTA: ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS
DE LA VOZ DE GALICIA



Comentarios
Publicar un comentario