CASTING LEAR
(FIOT 33)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
O REI LEAR COMO ESCUSA
(A propósito de “Casting Lear” de Andrea
Jiménez, Barco Pirata e Teatro de la Abadía)
SANTIAGO PAZOS
O Rei Lear, e mesmo case todo Shakespeare
reinterpretado ou deconstruído, é unha boa escusa para falar dun mesmo na actualidade.
As sociedades cambian, mais os problemas existenciais permanecen. De aí que a
proposta que se nos fai en Casting Lear non sexa outra cousa que un axuste de
contas dunha filla co propio pai e con ela mesma. O dilema entre vinganza e
perdón provoca unha vertixe tan angustiosa que coarta a necesaria actitude de vivir en liberdade.
A estrutura da obra, en aparencia, é moi
sinxela, un escenario baleiro cunha tarima no medio e unha iluminación moi
coidada, creada por Judit Colomer, e unha boa actriz, Andrea Jiménez, tamén
autora e directora, coa colaboración de Úrsula Martínez, que nos fala dos
propios traumas coa axuda dun asistente que encarna o actor Juan Paños. Puro
teatro. Como ela di, o teatro entendido como un proceso para atreverse a mirar.
Unha viaxe emocional e intensa na procura de encher as propias lagoas
referenciais, xa que a protagonista ten que elixir entre a dependencia
paternofilial ou o teatro, optando polo mellor lugar do mundo que non é outro
que un escenario onde poder confesarse publicamente.
E dicía en aparencia, porque para facer iso
non precisaban de Lear. Mais o que converte esta obra nun artefacto escénico de
gran nivel é que o Rei faixe presente interpretado por un actor distinto en
cada función. Recurso moi interesante que lle permite crear dúas ficcións paralelas
nun instante único e irrepetible. Por unha parte o clasicismo shakespiriano e,
por outra, o realista e actualizado psicodrama terapéutico dunha rapaza moderna
que, como Cordelia, é rexeitada polo seu propio pai.
Co que non contabamos nós, e que
seguramente a propia Andrea Jiménez non esquecerá xamais, era que na función
número 27 ese actor descoñecido non era outro que o admirado Quico Cadaval
quen, por certo, coñece a Shakespeare dende todos os ángulos posibles. Así que
sen desmerecer o traballo de Andrea, penso que Quico tivo unha desas noites na
que demostrou que, ademais de saber contar historias como poucos poden facer,
de dirixir e adaptar textos teatrais que permanecerán na nosa memoria como
aquela “Noite de Reis” inesquecible, é un actorazo que se adapta perfectamente,
e con nota sobresaínte, a calquera improvisación ou exixencia que o guión
marque. Engadindo inspirado, como non podía ser doutro xeito, algún que outro
comentario que arrincou as gargalladas do público aliviando un pouco ese
dramatismo tráxico que domina esta obra. Como despois de espirse totalmente,
menos quitar a camiseta para non coller frío no peito, pide desculpas por
mostrar tan pobre instrumental. Como sabemos, tanto á boa comedia como á traxedia
venlle ben sempre un toque discordante que rompa coa narrativa monocorde.
E por outra parte, Andrea, como Cordelia,
queixase de que se ten que tragar a cólera, recrimina ao autor por non falar
nunca dela e laméntase de que por amor perdoa e salva ao pai, a Lear na ficción
e ao propio na realidade aciaga, mentres ela é condenada. Perdoar é unha forma
de esquecer, di Cadaval como Lear antes de morrer. E chegado ao final, nun
longo monólogo na defensa do teatro, Andrea pontifica con certeza “todo se
rompe dentro cando ves algo con tanta verdade”.
Había tempo que non gozaba tanto do teatro
como neste Casting Lear. Intelixente na montaxe e interpretada con intensidade,
sentimento, e un punto de ruptura iconoclasta e contraste argumental que acrecenta
a miña confianza en que esta arte segue a ser un espazo creativo, efémero, cambiante,
e cheo de esperanza. Parabéns.
Saúde e longa vida…
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA
Comentarios
Publicar un comentario