EL BROTE

(FIOT 33)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

FOTO DE VANESSA RÁBADE

ENTRE A REALIDADE E A FICCIÓN

 (A propósito de “El brote” de Compañía Criolla) 

SANTIAGO PAZOS


Algo pasa cando o teatro fala sobre de si mesmo e a ficción e a realidade converxen nun conflito existencial. Neste excelente texto de Emiliano Dionisi descubrimos que os actores non só son un monicreque que o director move ao seu antollo senón que son persoas con ambicións as que “os soños se lle moven entre as mans” como ben di Roberto Peloni. Un actor maxistral que defende este monólogo cunha enerxía que desborda.

Ao texto e a dirección non se lle pode poñer ningún pero. As transicións que van da ficción teatral, con textos ben escollidos de obras clásicas recoñecidas que van desde Sófocles a Lorca pasando por Shakespeare, á situación persoal dun actor cheo de dúbidas, envexas e reproches están perfectamente delimitadas. Como sinala o protagonista, o teatro é o que ocorre nese espazo que existe entre os actores e o público. Unha distancia tan curta, ou longa, que só depende da conexión e complicidade que se produza nese momento único que é o que dura a función que se está a representar. No teatro nunca hai volta atrás. De aí  a súa actual e presencial frescura e grandeza inmediata.

A propia escenografía, sinxela pero efectista, xoga coa luminotecnia para marcar eses cambios de rexistro que precisa o actor que representa un papel determinado e o ser humano que se queixa das variadas circunstancias que afectan a súa integridade vital. Catro cadeiras negras que van mudando de lugar, unhas liñas de focos no chan do escenario que cambian de cor para resaltar os distintos ambientes, e un gran cortinón recollido durante toda a función que ao final cae de súpeto indicando que nos acercamos a un final onde todo reproche claudica. Quizais o momento máis lírico e poético, dende o punto de vista escénico, de toda obra.

Outra cousa é a técnica ou método de traballo de Roberto Peloni como actor. Esa proxección de voz tan artificiosa, esa esaxerada maneira xestual que utiliza para dirixirse ao público, esa cadencia na voz tan pouco natural, lévanos a un teatro pouco actual. No teatro moderno trabállase con prácticas máis introspectivas, intimistas. Os sentimentos brotan contidos, como para dentro. E o público entende que os silencios claman xustiza tanto coma os berros máis aterradores.

É un actor excepcional que declama nun estilo que nós xa tiñamos esquecido. Non lle quita mérito. Supoño que tamén o director ten algo que ver nesa maneira de “serruchar el aire”. A min paréceme excesivamente altisonante. Pero tamén temos que recoñecer que é unha compañía arxentina que utiliza códigos de actuación aos que non estamos acostumados ou descoñecemos. Seguramente pedirlle contención xestual a esta maneira de facer teatro que procede da propia cultura e carácter, sería como pedirlle ao teatro Noh xaponés que mudase eses rexistros rituais que o caracterizan.

A min, aínda con estas cuestións de estilo que me poden gustar máis ou menos, paréceme que tanto actor como autor e director fan un labor encomiable. E, por outra banda, temos que felicitarnos porque despois de varios anos de ausencia internacional o FIOT recupera parte do propio nome.

 

Saúde e longa vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA 



 

Comentarios

Entradas populares