BLANCA PORTILLO
(FIOT 31)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
TÉCNICAS PARA ACOUTAR O TEMPO, O DISCURSO E O SILENCIO
(A propósito de “Silencio” de Blanca Portillo e Juan Mayorga)
SANTIAGO PAZOS
Na miña vida teño acudido a escoitar centos
de conferencias sobre temas diversos. Profundas, aburridas, liviás ou
divertidas. E sempre estiven moi atento en observar os métodos que cada
conferenciante ten para manter a atención do público e conseguir que non se durma nos loureiros.
Existen múltiples artimañas, intercalar un comentario cómico de cando en vez,
facer unha parada dramatizada, poñer caras de sorpresa ou incredulidade,
utilizar varias tonalidades e volume de voz para resaltar ou refusar aspectos
concretos do discurso, etc. etc. etc.
Mais no teatro eses métodos son pura
tecnoloxía, acoutar os tempos, ritmos, pausas, silencios e parlamentos, é a
ferramenta fundamental que director e actores teñen para traballar e facer
realidade e crible o que comezou ás veces como un soño ou unha idea peregrina,
e outras como produto dun sisudo análise como fai Juan Mayorga neste discurso
de ingreso na Real Academia Española. Longo para moitos (100 minutos), e non
excesivo para outros que houberamos gozado de media hora máis. Porque ao teatro
tamén imos a aprender e iso require dun esforzo que facemos con moito gusto e
agradecemento.
Sen dúbida, aparte dese texto tan ben
escrito e dunha erudición admirable, a responsable última é unha actriz, Blanca
Portillo, que domina con pericia todas esas ferramentas mencionadas antes. É
coma un camaleón en escena que pouco a pouco te vai engaiolando, enfeitizando,
sempre sorprendente. Pasa de ser un Académico vestido de frac, e que move os
pes coma un pingüín, a converterse nunha actriz que é capaz de interpretar, a
modo de bosquexo, a personaxes como Bernarda Alba, Antígona, Hamlet, Woyzeck, ou mesmo Sancho Panza
subido nunha cadeira que trota coma un burro deslombado polos textos de
Cervantes.
Blanca
Portillo é unha actriz que procede do clasicismo, cada movemento, cada xesto,
están medidos con cartabón, instrumentalizando esa adusta escenografía e
iluminación en beneficio da labor interpretativa para dar claridade a un
discurso complexo, e por tanto espeso, no que se fala de Kafka, Rulfo, Bousoño,
John Cage, Buero Vallejo, Francisco Nieva, ou de Lorca. E tamén, sobre todo,
fálase de teatro, tanto textual como formal, da súa estrutura e da función que
cumpre na sociedade. Que ledicia!
Concordo
con Mayorga en que o actor ten que escoitar e interpretar os silencios do
público. Onte no Pazo da cultura de Carballo non se movía unha cella mentres
esa gran actriz controlaba espazo e tempo. Emocionados moitos pola intensidade
e profundidade discursiva e interpretativa. Se parecía teatro e estabamos nun
teatro, sería teatro?
Saúde e larga vida…
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA
Comentarios
Publicar un comentario