TITZINA
(FIOT 31)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
FUXINDO DAS SOMBRAS
(A
propósito de “Búho” de Titzina)
SANTIAGO PAZOS
DIEGO LORCA E PAKO MERINO EN BÚHO (FOTO DE VANESSA RÁBADE)
Cando un espectáculo teatral está feito con
tanta luz como definicións desa palabra recolle o dicionario, cando dende o
primeiro segundo parece que un certo aire poético, lírico, se che mete no
corpo, cando percibes que detrás desa proposta hai un traballo serio,
intelectual e práctico, cando ata o mínimo detalle se trata con mimo, cando esa
obra se amosa como un ser compacto e vivo, consegue uns efectos sensitivos
sobre do espectador que dificilmente será capaz de esquecer.
En Carballo coñecemos a Titzina dende
sempre. Aqueles “Folie a Deux. Soños dun Psiquiátrico” ou “Éxitus” presentaban
con certa comicidade unha visión case abstracta dun mundo, que de tan real,
rilábanos por dentro. E en “Entrañas”, “Distancia siete minutos” e “La Zanja”
exploran un teatro realista e comprometido coas inxustizas nas que vivimos que
poñen os pelos de punta.
Sen embargo, teño a impresión que nesas
últimas o discurso reivindicativo, perfectamente artellado e documentado,
ocupaba tantas enerxías de Diego Lorca e Pako Merino que a linguaxe escénica, a
interpretación, a forma, pasaba a un segundo plano deixando núa unha parte
fundamental do feito teatral.
Afortunadamente no “Búho” regresan a
esoutro teatro que, sen abandonar a coidada dramaturxia nin o discurso social e
a investigación antropolóxica, recuperan a importancia que ten a interpretación
e a montaxe escénica (como na excelente “Éxitus”). Esa xenial iluminación de
Jordi Thomás, chea de claroscuros que recordan a Rembrandt, somerxen ao
espectador nunha nebulosa estupefaciente. E a composición musical e son, envolventes,
de Jonatan Bernabeu e Tomomi Kubo, impacta. E podemos seguir co deseño escénico
de Rocío Peña, etc... Todos excelentes.
Todo disposto para recuperar a memoria,
fuxir das sombras e seguindo o fío de Ariadna encontrar ese foco de luz que nos
permita recordar con claridade quen e que somos aínda que teñamos que
retrotraernos aos orixes do universo ou a ese bisonte do paleolítico.
Tamén podemos tirar de axenda e revisar
esas venturas e desventuras que compoñen a nosa propia biografía. Terapias hai,
para superar amnesias ou favorecer esquecementos que nos permitan vivir sen
traumas tóxicos innecesarios.
Pódenme crer se lles digo, porque acostumo
a ser leal co meu propio pensamento e con vostedes tamén, que Titzina conseguiu
deixarme atado a butaca, como se estivera imantado, durante un longo tempo
despois de terminada a función. Parabéns.
Saúde e larga vida…
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA
BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA
Comentarios
Publicar un comentario