SAMBUSECK
(FIOT 31)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
VIVINDO FÓRA DA PAISAXE
(A
propósito de “Impalpable” de Sambuseck)
SANTIAGO PAZOS
“Neste pobo non hai paisaxe”, di unha das
intérpretes de “Impalpable”, obra baseada na vida e textos de Manuel Puig, o
escritor arxentino de “Boquitas pintadas” ou “El beso de la mujer araña”. Unha
frase que resume a desolación na que se encontran as mulleres protagonistas
desta historia na que a única forma de fuxir da realidade asfixiante na que
viven é soñar e esperar. Soños concentrados nunha pantalla cinematográfica na
que a ficción é o azucre que axuda a que o tempo de espera pase e a ilusión de
trunfo non desvaneza.
A época (anos 50), a dramaturxia, os
diálogos, a vestimenta, o ritmo, a escenografía, a música, a cadencia verbal e
interpretativa, semellan ser parte dun serial filmado en 16mm que se proxecta
coma se fora un bucle recorrente para adormecer o tempo. É un tipo de teatro
arcaico, amaneirado e aburguesado na forma e rebuscado e transgresor no discurso.
Unha especie de contradición na que vive moita xente que loita por romper coas
rutinas pero non ten galadas para facer a maleta e fuxir, incluso se foxe
necesario, dun mesmo.
Como dicía Severo Sarduy en “Cobra”, a
escritura é o arte de descompoñer un orde para compoñer un desorde. E no teatro esa dicotomía esquizofrénica é a
caluga vertebral que o distingue doutras manifestacións artísticas. Por algo
esa literatura neobarroca de Sarduy era tan teatral.
En Impalpable usan os zapatos de tacón para
falar por teléfono. Unha exquisita licencia abstracta que define con perfección
alegórica e ese personaxe, Manuel Puig, que mantén unha presencia intanxible
durante toda a función.
Non considero que sexa esta unha gran obra
para recordar eternamente, pero si gocei desa estética cinematográfica e da
capacidade que ten esta compañía para conxelar o tempo. E considero preciso remarcar
que os códigos de comunicación teatral teñen características particulares que
dependen de condicionamentos que non sempre coñecemos.
O importante e mirar e escoitar con
interese e aprehender. Como Javier, o xove camareiro da cafetería do Pazo, que
sempre me insiste en que non sabe se lle gusta o teatro, ou non, pero desfruta
moito de vernos a afeccionados e profesionais tan buliciosos e contentos cando
hai función.
Saúde e larga vida…
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA
Comentarios
Publicar un comentario