QUICO CADAVAL E CHUSA PÉREZ DE VALLEJO

 

(FIOT 31)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

A SIMBIOSE PERFECTA ENTRE PALABRA E XESTO

 (A propósito de “Contando polos dedos” de Quico Cadaval e Chusa Pérez de Vallejo)


SANTIAGO PAZOS

 

CADAVAL E CHUSA (FOTO DE VANESSA RÁBADE)

Cadaval é o mestre por excelencia da narrativa oral galega. A súa presenza, dentro ou fora do escenario, sempre esconde un coello debaixo da boina galega fabricada en Navarra que te vai sorprender. Non importa se o conto é un reconto que seguramente oíches cen veces, ou aquela historia inventada pola imaxinaría popular, ou polo propio Quico, que esqueceras que xa escoitaras cando eras cativo. Como lle pasou a Milagros Cotelo que, oíndo o da pelexa entre o canteiro e o abade, recordou que seu pai xa llo contara moitas veces, sendo nena.

 

A linguaxe, a memoria e a narrativa de Cadaval é unha especie de serpe descoñecida que se retorce sibilina buscando, entre o incauto público, un oco para colarse, xogar con el, e divertirse. Improvisa, pero non tanto como parece. Dende logo, ao meu parecer, non textualmente. É certo que ten unha capacidade case hipnótica de contar a mesma historia moitas veces e que ti penses que sempre é nova. Claro que falo dende a miña percepción obnubilada pola admiración que lle teño.

 

Eu sempre lle vexo algo distinto por unha causa fundamental, considero que é coma unha especie de trileiro que controla o tempo e espazo escénico ao seu antollo. Por iso aínda que pareza que se repite, non é certo. É un narrador extraordinario, unha especie de malabarista da palabra que sabe como dominar os silencios, que mira ao espectador sen complexos para preguntarlle directamente se se sente cómodo, alegre, sorprendido ou aburrido.

 

Nesta ocasión ía acompañado por Chusa Pérez de vallejo para facer unha especie de linguaxe de signos un pouco especial, no teatro xa sabemos que nada é o que parece. Fan boa parella. Compenetrados e confidentes.  Chusa, neste caso, aporta frescura, desenfado e moita creatividade. Parabéns para ela.

 

Pido desculpas, iso si, para os que pensen que se me nota moito que son fan incondicional de Quico Cadaval, pero de cando en vez penso que me podo permitir estas licencias que, por outra parte, son loanzas de sobra merecidas.

 

Saúde e larga vida…


NOTA:

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA

 

 

 

 

Comentarios

Entradas populares