PAULA CARBALLEIRA - TEATRO EN RUTA
(FIOT 31)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
TEATRO EN RUTA PARA CONSERVAR A MEMORIA
SANTIAGO PAZOS
Hai tres días Alberto Gende cumpriría
cincuenta anos. (Desculpen). Recomezo. O once de outubro Alberto cumpriu
cincuenta anos. Rectifico porque o amigo artista vive na nosa memoria e segue
aportando tanta sensibilidade creativa que esquecelo sería un suicidio
colectivo.
Por iso quero personificar nel, coma un
exemplo que debemos preservar, o traballo de toda esa xente que non permite que
perdamos as referencias, persoas inquedas que traballan arreo para recuperar e
manter vivos eses vínculos afectivos e culturais que, de tan fráxiles, corren
perigo de ser esquecidos.
Aí, nese empeño de que non perdamos o
recordo de quen fomos, para descubrir quen somos, dedican o seu tempo a
Compañía Berrobambán e a xograresa Paula Carballeira. Certo que non son os
únicos que se dedican a recuperar a tradición oral, entre outros podemos citar
a Asociación Ambiental Senda Nova e ese traballo estupendo que fixeron en
“Buenosdíastengausté”, ou a Xosé Antón Bocixa e Xabier Maceiras que non paran
de facer transfusións de sangue nova a esa riqueza cultural que está a piques
de desaparecer.
Mais o caso de Paula Carballeira é
excepcional, transmite dun xeito tan sedutor que mesmo doe non seguir esa
estela na que o intanxible cobra corpo. E en “Facer memoria”, acompañada por
Chiqui Pereira, poñen en práctica un proxecto no que os veciños dos lugares que
visitan, nesta ocasión as parroquias carballesas de Oza e Verdillo, convértense
en protagonistas da súa propia memoria. Así e todo, non deixa Paula de
regalarnos, vista e oídos, con varios deses contos de estilo e marca persoal
que a sitúan como unha das mellores contadoras de historias do país.
Por outra parte, nesta descentralización
afortunada do FIOT, tamén desfrutamos doutro espectáculo digno de sinalar.
“Esas cousas marabillosas”, de Empatía Teatro, fala dunha memoria máis persoal
e familiar, esas vivencias positivas que non debemos esquecer cando nos
encontramos en momentos emocionais depresivos. Un tema de tanta actualidade,
polos motivos pandémicos por todos coñecidos, sobre o que a sociedade ten que
reflexionar e tomar conciencia non só cando as estatísticas alarman.
Unha montaxe áxil e participativa na que o
público de Ardaña (o Centro Social estaba cheo) pasa a ser un segundo actor
decisivo no desenrolo narrativo e interpretativo da obra. Moi ben dirixida por
Avelino González e estupendamente interpretada por Elisardo de la Cruz, un
actor que súa a camiseta, en sentido literal. Recomendable e necesaria.
Nesta viaxe tampouco quero esquecer, pola
importancia que ten, esa actuación de Marta Iglesias na Residencia de Maiores
de Carballo. Unha actividade da Rúa dos Contos que incorpora un público, polo
xeral, esquecido. As salas dos teatros teñen que acoller ao pobo enteiro, e se
o pobo, pola razón que sexa, non enche esas salas, o teatro ten que ir na súa
busca alí onde o pobo estea.
Saúde e larga vida…
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA
Comentarios
Publicar un comentario