O TEATRO COMO ESCUSA
(FIOT 31)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
O TEATRO COMO ESCUSA
SANTIAGO PAZOS
Permítanme que hoxe divague un pouco. Sempre teño o mal costume, ou bo, de quedarme con pequenos detalles que pasan a formar parte da miña biografía sensorial e visual. Poñan de fondo musical “Puro teatro” de La Lupe, pechen os ollos e síntanse coma se foxen Gloria Swanson baixando lentamente e con elegancia, chanzo a chanzo, unha escaleira de caracol interminable. Soñen, por favor...
Fáganme caso, non sempre se encontra un
morto na piscina. E, polo xeral, a maioría das veces non encontramos piscina onde
esconder un morto. Porca miseria! Imitemos a Gonzalo, que mordía as unllas
mirando para esa estupenda cantante de “Blues do País”, cando actuaron no
Patacón, porque intuía que en cada xesto, en cada canción, o protagonista
principal era el. Mágoa que resultara ser tan retranqueira. Como para fiarte!
O teatro é a escusa perfecta para falar de
calquera cousa ou tamén para non falar de nada. Así, desinhibidos, reflexionamos
sobre do noso papel neste mundo incomprensible. Como lle pasa a Ion Iraizoz, de
La Caja Flotante, en Beautifull Stranger. Un primeiro OTNI intencionadamente
Freudiano e, en consecuencia, caótico. Tampouco tiña intención de divertir
pero, digo eu, puido mostrarnos con máis nitidez o que agochaba detrás desa
cute tan perfecta. Menos mal que no coloquio, despoxado do traxe de faena e
acompañado por unha amiga comprensiva, mostrounos esoutra cara menos amable que
os artistas teñen cando os focos do escenario se apagan.
De Good Sex Maritxu non teño nada que
aportar. A xente pasouno ben e eu non fuxín na metade por non defraudar a eses
espectadores tan comprensivos. Calvarios máis penosos temos pasado por gardar a
compostura! Ante todo educación e boas formas. Xa che digo!
Que conste que o sábado comezara
estupendamente. A Escola do Espectador “Podcast” con Camilo Franco, como
profesor, acompañado por Tito Asorey, Xosé Touriñán, Evaristo Calvo, Víctor
Mosqueira, Alberto Sueiro e unha infiltrada cabreada e premiada Melania Cruz,
foi unha gozada. Estiven moi a gusto e preguntei educadamente pola autocensura
nese contubernio tan provocador que é o teatro dende que se inventou.
Xa ven. Se non lles convence a banda sonora
recomendada no principio poden poñer “Rata de dos patas” de Paquita la del
Barrio.
Saúde e larga vida!
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN DE BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA





.jpg)
Comentarios
Publicar un comentario