MOFA E BEFA
(FIOT 31)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
CANDO O BO HUMOR PODE CON TODO
(A propósito de “Pirolíticos” de Mofa e
Befa)
SANTIAGO PAZOS
Se pirólise significa “descomposición
química de substancias complexas en produtos máis simples debido a acción da
calor”, e humor, aparte de referirse ao ánimo (malo ou bo) das persoas, tamén
se define como cada un dos diversos líquidos do corpo humano, poderíamos
sospeitar que a intención de Mofa e Befa en “Pirolíticos” era impartir unha
conferencia sobre fluídos corrosivos seguindo o Método do Teatro Perralleiro.
Cabía esa posibilidade. Mais
afortunadamente, despois de trinta anos de percorrer o mundo entre trunfos e
derrotas, neste xenial espectáculo que vimos onte en Carballo, interveñen tres
mulleres que entenden perfectamente a linguaxe abstracta destes dous cómicos de
legua e media. Así, Lucía Aldao, Clara Gayo e María Lado, embriagadas pola
ousada analítica social coa que sempre se identificaron Evaristo Calvo e Víctor
Mosqueira, foron capaces de desmontar o mito heteropaternalista dende un punto
de vista masculino, autocrítico, feminista e vindicativo.
Non era sinxelo, pero ese bo humor, do que
fan gala tanto autoras como actores, pode contra todo tipo de reticencias e prexuízos.
Cada entremés provoca gargalladas que funcionan por un lado como mecanismo de
defensa, e por outro como recoñecemento avergónzante dese camiño igualitario
que nos queda por percorrer.
Como ben dicía Xosé Touriñán, na Escola do
espectador do FIOT, “os límites da realidade ofendida non poden condicionar os
códigos humorísticos ata o limite de sentirmos censurados”. As engrenaxes da
comedia han de falar do que se agocha tras desa careta de aparencia impoluta
que lucimos en público mentres na intimidade o cheirume é irrespirable. Aí
reside a valentía de Mofa e Befa para enfrontarse a un tema de tanto calado
social desde ese humor tan persoal.
Non fan concesións. O absurdo só é unha
postura, un estilo que invita a cuestionarse interiormente se moverse ou
permanecer quedo serve para algo. É dicir, dubidar sobre crenzas e comportamentos.
Nunha recente entrevista, dicía Gonzo (un
coñecido periodista) que houbo un momento no que a xente deixou de confiar no
serio. E posiblemente teña razón, xa que vendo Pirolíticos dáste de conta que a
boa letra con sangue non entra, pero con bo humor sempre gozarás mellor do que
leas.
Parabéns a Mofa e Befa por levar trinta
anos aportando tanto ao teatro galego e, en especial, a Evaristo Calvo por ese
merecido Xoglar de Outono. Vaian a velos. Merece ben a pena.
Saúde y larga vida…
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA
Comentarios
Publicar un comentario