LEO BASSI
(FIOT 31)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
VIVIR NA GLORIA
(A propósito de “70 anos” de Leo Bassi)
SANTIAGO PAZOS
Para vivir na gloria primeiro hai que
alcanzala e non cabe dúbida que Leo Bassi leva moito tempo residindo por esas
latitudes. Unha situación estelar gañada con moito esforzo, intelixencia
belixerante e creatividade irreverente, iconoclasta, e provocación radioactiva.
Tamén é certo que se ben “20 anos non son
nada” como nos recorda o famoso tango, 60 de profesión e 70 vividos deben pesar
o seu. Intelectual e fisicamente. Polo que vimos en Carballo, podemos dar fe
que da cabeza está tan perfecto ou imperfecto como estivo sempre, aloucado,
extravagante e razoablemente crítico e consciente de como funciona o mundo no
que vivimos, os enganos do poder e a pasividade do público. Mais o corpo
reséntese e nota que xa non funciona con aquela axilidade e enerxía atómica co
que o facía décadas atrás.
Así e todo, o importante é que o
espectáculo debe continuar. No Paticano teñen que seguir a celebrarse os ritos
e cerimonias necesarias para que os fregueses da confraría da risa non se
desnorten e extravíen nas traxedias cotiás ou neses grandes conflitos que
acurralan a paz mundial. Benditos sexan os cómicos!
E mentres o pallaso, o gran histrión, fai
de borracho para que o público desfrute escoitando esas grandes verdades que só
se poden nomear baixo a eximente embriagadora da cómica retranca e a ironía
pérfida, soa de fondo un melancólico piano (Erik Satie?) como anuncio dun final
que retrasa todo o que pode sentíndose un “puto vello decadente!”, pero sen
deixar de berrar “os vais a cagar!”, para non vivir coma unha merda.
Eu, como tamén di Leo Bassi, pensei en morrer antes dos 50, como eses
poetas e músicos malditos que son recordados como seres únicos e inimitables. Sen
embargo, como repite este gran Clown, co paso dos anos entendes mellor por que
es como es.
Resulta entrañable ver como conserva esa
xuvenil acidez crítica e rebelde dentro dun corpo cheo de cicatrices provocadas
pola incomprensión desa caterva de fanáticos que sempre quere impor o sacro
imperio das verdades absolutas para termos controlados.
Non son eu moito de circo e menos de
pallasos, pero penso xa hai moito tempo que aprendín a distinguir entre un
artista e un carteirista. E no caso de Leo Bassi, aínda aceptando que xa non é
aquel que ameazou con queimar o Cine Rega co público dentro para mobilizalo
despois e invadir a rúa, teño que admitir que merece recoñecemento, respecto e
admiración.
Como non era para menos, o público fioteiro
aplaudiu con entusiasmo e posto en pé. En certo modo, unha homenaxe merecida
para un artista que, como debe ser, non se retirará nunca. Repito, benditos
cómicos!
Saúde e larga vida…
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA
BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA
Comentarios
Publicar un comentario