DAVID ESPINOSA
(FIOT 31)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
RADIOGRAFÍA DUN ESPECTÁCULO
(A propósito de “Conferencia
espectacular” de David Espinosa)
SANTIAGO PAZOS
Nas súas memorias, di María Casares que se
despois dunha representación discútese, disécase, explícase, etiquétase o
fenómeno teatral ao que se acaba de asistir, parécelle absolutamente inútil que
tivera lugar. Eu supoño que se refire a actitude que ha de ter unha profesional
para convivir consigo mesma sen martirizarse ou vangloriarse, non á reflexión
necesaria dun público crítico que eloxia ou vitupera ese espectáculo que acaba
de ver.
En “Conferencia espectacular”, David
Espinosa fai todo iso que María Casares parece detestar. E nono fai despois do
propio acto teatral, senón que utiliza como tema do propio espectáculo a
análise de varios estilos de teatro de vangarda dende unha perspectiva
pedagóxica.
Non hai actor, aínda que si dramaturxia.
Non hai teatro, porque practicamente toda mensaxe é transmitida a través dunha
cámara e unha voz pregravada, aínda que si intuímos certa intencionalidade
escénica. E non hai personaxes por moito que a memoria e o discurso teñan
coherencia, por un lado haxiográfica e por outro un tanto burlesca. Aí quedan
as interpretacións de “Café Múller” cunha Pina Bausch convertida en princesa de
Disney, o Els Joglars como os sete ananiños do conto. Dous exemplos do que o
autor chama creación contemporánea e que a min me resultaron pouco maduros. Sí,
tamén é certo que logo falou de Artaud, de Brossa...
Xa sei que no OTNI cabemos tod@s. Adoro
esta sección do FIOT. Recordo Cinema Sticado e a esa estupenda Macarena
Recuerda. Son estilos que xorden nese borde que debe existir entre disciplinas
converxentes, teatro, cine, circo, contos e todo tipo de verborrea. Non serei
eu quen defenda ningún tipo de pureza, pero non deixa de ser un debate
necesario.
Cando onte, despois desta función, sendo en
xeral agradable de ver e de escoitar, sentinme un pouco decepcionado, ao
escoitar os meus comentarios, un amigo
colaborador do FIOT díxome que seguramente tiña eu un mal día. E podía ter
razón. Mais os que me ledes podedes estar tranquilos, cando escribo estes
comentarios nunca me deixo levar polas baixas paixóns.
Saúde e larga vida…
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA
BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA
Comentarios
Publicar un comentario