AMOR TOTAL
(FIOT 31)
FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO
TODO É TRANSITORIO
(A propósito de “Freak” de Amor Total)
SANTIAGO PAZOS
Todo na vida é transitorio, sentencia unha
das protagonistas desta descarnada obra, como remedando sen querer a Jorge
Manrique cando dicía: “Nuestra vida son los rios que van a dar en la mar, que
es el morir”. Un destino inevitable que obriga a ser sincero cun mesmo, nalgún
momento da vida, e sen prexuízos chamar as cousas polo seu nome e abrirse en
canal ante esoutra persoa que pensas que te pode comprender.
Tía e sobriña adoecen, neste caso concreto,
entre a excitación da máis moza por pescudar con insistencia e inquedanza no
coñecemento que, supón, dá a experiencia, e a vergonza da primeira que prefire, nun
primeiro momento, gardar silencio. Por iso non hai dialogo entre elas ata case
chegado o final, despois de mirarse no espello, por separado, mentres artellan
un discurso franco e honesto.
Son dúas princesas de fábula descompostas e
rotas por motivos moi diferentes. Por iso a linguaxe, as expresións que
utilizan son tan directas: “me cabrea no correrme”, “el coño huele a bacon”,
“la polla...”. Falan como o facemos cando estamos en confianza, desfreados, e
perdemos o medo a nomear o noso corpo sen poñernos vermellos.
Si, é unha obra na que o sexo é tratado con
crueza e con dozura, todo a un tempo. Na mesma secuencia a inocencia é tan
vulgar, que a perversión parece anxelical. E as dúas opcións compleméntanse con
tanta naturalidade que provoca en parte do público certa incomodidade tenra.
O descubrimento do sexo, o coñecemento do
propio corpo e o seu goce, só ou acompañad@s, a explotación do mesmo, o fraude
que supón que iso non era tan ideal como cho contaran nin tan noxento como
pensaras. Nada que non coñecéramos, pero que tampouco estamos acostumados a
escoitar con tanto descaro en directo e sen profilácticos.
Podía falar sobre a interpretación desigual
das dúas actrices, da escenografía psicanalítica, do vestiario fetichista, dese
texto voraz e desapiadado de Anna Jordan (excepcional), da dirección tan
austera de Paula Amor que pon o aceno onde é preciso sen facerse notar pero
marcando carácter e control dos tempos. Podía dicir, e digo, que o público
fioteiro demostrou que xa é maior de idade.
Que ledicia confirmar de novo (non me
canso) que todo iso que agocha a realidade xa no lo contan no teatro. Menos
mal...
Saúde e larga vida…
NOTA:
ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO NA EDICIÓN PARA BERGANTIÑOS DE LA VOZ DE GALICIA
Comentarios
Publicar un comentario