FERNANDO CABEZA QUILES
TODOS
OS NOMES DE FERNANDO CABEZA QUILES
Santiago Pazos
Teño
a impresión de que moito tempo antes de publicar, en 1992, ese libro de
referencia titulado “Os nomes de lugar: topónimos de Galicia, a súa orixe e
significado”, Fernando quixo ser Don Xosé, personaxe que o Nobel Saramago
describe con mestría en “Todos os nomes”, xa que se aquel esforzado funcionario
do Rexistro Civil padecía dun amor obsesionado por encontrar a dona dun nome co
que topa por casualidade, Cabeza Quiles pedalea incansable dende sempre para
encontrar e poñerlle o adecuado marco onomástico a cada anaco de terra polo que
a súa bicicleta pasou, ou pasa.
Seguramente
tamén o azar xogou un papel importante nesa afección apaixonada por detallar e
recuperar un Patrimonio Cultural que
require dunha dedicación exhaustiva, seria e rigorosa. Unha disciplina, como é
a Toponimia, na que converxen, sen ser considerada unha ciencia exacta, a
interpretación antropolóxica, histórica, lexicográfica, etimolóxica ou
xeográfica. Sen esquecer o traballo de campo, ir ás fontes e falar coas xentes
que habitan lugares dos que a memoria fráxil esquecerá o seu nome se non
deixamos constancia escrita e documentada da súa existencia. “Recibir,
descubrir e divulgar”, en palabras do Profesor Gonzalo Navaza.
Desa
labor de investigación viñeron, entre outros, libros como “Os nomes da terra:
topónimos galegos”, “Toponimia de Galicia”, “A toponimia celta de Galicia”, ou
ese excelente e imprescindible “Galegos en Las Alpujarras granadinas”. Sendeiros
e terreos de orografía irregular, que desembocaron felizmente nesa última ”Toponimia
de Carballo”, desexo cumprido para os que aquí vivimos e pateamos acotío os
seus camiños e corredoiras, discutindo aínda algúns, por moito que as Academias
senten Cátedra, se unha das súas parroquias comeza por B ou por V.
Entre
todos os posibles títulos que o autor podería ostentar, inclínase polo de escritor.
Con falsa modestia, penso eu, di que o de investigador é unha profesión
aburrida. Goza coa narrativa viaxeira e a ficción “educativa”, por algo
estudiou e exerceu Maxisterio. Aí temos eses “Contos azuis”, un feixe de
relatos dedicados aos seus alumnos de Razo, nos que das aloucadas aventuras
xuvenís sempre xurde unha mensaxe de respecto coa natureza, de compañeirismo,
de amizade, de compromiso. Ou este último “O segredo nos zapatos”, no que cada
relato é unha parábola case futurista das catástrofes que acontecerán senón lle
inculcamos aos cativos unha conciencia medioambiental que nós mesmos temos que
asumir como propia con urxencia. (Por certo, libro estupendamente ilustrado por
Mon Lendoiro, un referente carballés para todos os que gozamos das Belas Artes).
E por aí quedan, sen esquecer algún que outro poema e a colaboración activa co
Instituto de Estudos Bergantiñáns, “Domingo de Resurrección” ou “Chamáchesme
moreniña”, obras nas que a retranca e a tradición da escrita galega están moi
presentes.
Este
viaxeiro romántico, que leva escribindo trinta anos con éxito e tamén, en ocasións,
contra a incomprensión e os prexuízos dos pura sangue que, na maioría dos
casos, entorpecen máis que aportan, é por riba de todo un incansable
traballador en prol da terra nomeada, do idioma e a cultura de Galicia. Temos
aí, como exemplo, “Galicia, o galego e os galegos”, (reeditado en castelán por
Medulia Editorial), no que fai unha revisión crítica e respectuosa da nosa
historia e da nosa idiosincrasia. Texto interdisciplinario escrito con
valentía, “sen metáforas tópicas, curvofilias, nin reviravoltas”, moi
recomendable para os galegos que tanto descoñecemos sobre o que fomos e,
fundamentalmente, quen e como somos.
Penso
que de ser certa a sentenza: “o que non se di non existe”, a Cabeza Quiles quédalle moito traballo por
facer. Menos mal que, contrariando ese verso do poeta José Ángel Valente, cando
di que no borde da luz nada reaparece, Fernando é capaz de recuperar, recordar e
conservar todos os nomes sen esa perversidade pícara de mover os marcos no
luscofusco.
NOTA:
Este artigo foi publicado na Edición para Bergantiños de La Voz de Galicia
Comentarios
Publicar un comentario