MARÍA BARCALA
O MANIFESTO REBELDE DE MARÍA BARCALA
SANTIAGO PAZOS
“Libre coma os paxaros” é unha excelente obra sobre textos de Rosalía de
Castro que a Compañía Teatro do Atlántico, coa dramaturxia e dirección de Xulio
Lago, ven representando por toda Galicia con gran éxito de crítica, aínda que
lamentablemente non así de público. Un aspecto importante sobre o que terán que
debater os programadores culturais porque, sen dúbida, algo falla nos canles de
comunicación e publicidade que utilizan.
É unha mágoa que incluso en Carballo, vila de gran afección teatral, fóramos
tan poucos. Extremo, por certo, que non afectou a entrega absoluta da gran
actriz María Barcala para defender un traballo de interpretación complexo,
sensiblemente lírico e terriblemente prosaico nese cometido de presentarmos
unha Rosalía de Castro limpa das tradicionais manipulacións e apropiacións a
que estivo sometida en vida e despois de morta. Escritora que loita por romper
cos noxentos arquetipos da época na que lle tocou vivir.
De aí que “Manifesto rebelde”, acertado subtitulo para unha peza teatral
que, de seguro, permanecerá no tempo coma un dos traballos máis serios que se
teñen feito sobre desta personaxe tan importante para Galicia, os galegos e a
poesía universal, sexa tamén o emblema apropiado para unha actriz acostumada a
acariñar cada palabra que pronuncia sobre dun escenario e loitar por proxectos que
compren con esa gran esixencia do teatro comprometido coas cousas que de
verdade importan.
Quero recordar, porque son parte do traballo extraordinario de María
Barcala e da miña memoria escénica, “Memoria de Helena e María” onde a palabra
quere ser alternativa contra todo tipo de violencia , “O principio de
Arquímedes” no que as dúbidas e os malos entendidos rachan coa integridade de
seres expostos a escrutinios maledicentes, “Helena: xuízo a unha lurpia” na que
unha muller reivindica o seu dereito a ser quen é, ou “Dúas donas que bailan”
onde a fraxilidade física e mental imponse sobre os prexuízos e os medos.
Realmente, María e Rosalía parécense bastante. Socialmente non cambiamos
tanto coma para afirmar que as mulleres de hoxe non sofren ese delirios
machistas que padecían antes. Por iso este “Manifesto rebelde” ha de ser
colectivo e compartido por mulleres e homes en pro da igualdade de xénero.
Mais se atendemos a estrutura dramática, teño que dicir que padece de
defectos que só se explican por exceso de confianza na capacidade
interpretativa de María Barcala ou por economizar na intendencia escénica. E
menos mal que ela recita e xesticula, mesturando dozura e xenio, interiorizando
un discurso que lle é propio, atomizando na mirada e nas mans unha rabia
imposible de canalizar.
Tecnicamente ten alternativas, luces e sombras, música, movementos, uso de
espazos escénicos. Xulio Lago tenme demostrado que sabe facer todo isto, mais
neste Manifesto rebelde está bastante desaparecido, con todo respecto.
A sorte é que María Barcala, como xa nos ten acostumados, demostra que é unha
das mellores actrices que temos en Galicia. Así que temos que coidala e ir a
vela, admirala e aplaudirlle. E se poden ir ver “Libre coma os paxaros”, vaian,
non a deixen soa ante butacas valeiras. Saúde.
NOTA:
Este artigo foi publicado na Edición para Bergantiños de La Voz de Galicia
Comentarios
Publicar un comentario