SANTIAGO PICOS
AS DIVERSIDADES DE SANTIAGO PICOS
GALERÍA DE ARTE / ESPIRAL MAIOR FORO
(RÚA DO SOL, 34 - CARBALLO)
SANTIAGO PAZOS
(FOTOGRAFÍAS DE ELIZABETH NÚÑEZ)
Miguel Anxo Fernán Vello, Santiago Picos e Santiago Pazos
Dicía Don Santiago Ramón y Cajal, en 1899,
que todo home podía ter a capacidade de ser o escultor do seu propio cerebro. O
segredo era moi sinxelo: traballo e perseveranza. Hoxe, dominados pola cultura de
masas e as redes sociais, vivindo nesa sociedade líquida, definida por Z.
Baumant, na que toda idea se volatiliza case antes de ser expresada, e inmersos
en superar vangardas e transvangardas,
pretender tal cousa como ser dono dalgo tan exclusivo semella unha
tarefa case que imposible.
O que si creo é que somos quen de construír
unha mirada persoal sobre do que nos acontece, tanto interior como
exteriormente. E algúns teimudos como son os artistas, caso de Santiago Picos, non só acadan esa mirada única e particular,
senón que teñen o privilexio, non sempre ledo, de poder confrontar o seu
traballo con esoutras miradas alleas que perseguen ser reconfortadas estética e
espiritualmente. Unha especie de paraíso cheo de contradicións.
Aí é onde se atopa Santiago Picos, un pintor
e ilustrador que, entrando xa na madurez creativa, aínda conserva esa frescura contemplativa,
non exenta dunha profunda reflexión crítica, que lle permite xogar e compaxinar,
sen complexos estéticos ou académicos, estilos diversos como poden ser o
simbolismo surrealista ou o expresionismo gótico para enriquecer a súa proposta pictórica.
Un divertimento ecléctico que, lonxe de
amosar inxenuidade, suxire un serio compromiso teórico e filosófico que podemos
resumir nesa frase de E. M. Cioran na que sinala que o primeiro pensador foi
sen lugar a dúbidas o primeiro maniático dos por que? Autor que xunto a Poe ou
Lovecraft son lecturas de cabeceira de Picos.
E son eses “por que?” os que conducen a
Santiago Picos a profundar na diversidade de estilos e correntes artísticas,
dende Durero a Dalí, para conformar unha
identidade propia. Instrumentos non lle faltan, é un perfeccionista, debuxa con
trazo seguro e limpo e pinta con dominio das perspectivas e as cores. Pero se
me permiten destacar unha facultade que eu aprecio por riba de todas, ten unha
mirada única que permite, como recorda o pintor e escritor Alfred Kubin, que o
espectador subsista na propia pureza simbólica.
Esta Mostra que podemos ver en Espiral
Maior Foro de Carballo (Rúa do Sol, 34) é un exemplo da positiva evolución dun
artista que agroma para darnos nun futuro próximo moitas e agradables
sorpresas.
Parabéns para Santiago Picos e saúde.
Nota:
Este artigo foi publicado na Edción para Carballo e Bergantiños de "La Voz de Galicia"
Comentarios
Publicar un comentario