VOADORA

(FIOT 30)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

A ESTÉTICA É A MENSAXE?

(A propósito de “Othelo” de Marta Pazos con Voadora) 

SANTIAGO PAZOS


 Foto de Estrella Melero para Voadora 

Non, por suposto que a estética por si soa non é a mensaxe aínda que pareza que, dalgún xeito, Voadora ven a confirmar aquelo que dicía Marshall McLuhan cando aseguraba que a mensaxe estaba no Medio. E penso que non é así porque na conversa que tivemos co Produtor José Díaz, no “Café con...” un pouco antes da función, dounos detalles bastante concretos sobre do seu proceso de traballo. Unha dinámica que comeza por afondar obsesivamente na actualización textual de cada proxecto que emprenden para darlle consistencia teórica, pasando posteriormente a explorar a dramaturxia que mellor se adapte a iso que se quere contar.

Agora ben, cando vas a un espectáculo desta Compañía sabes que o seu persoal estilo imponse sobre calquera outra consideración. E nese eido, sen dúbida pola procedencia artística da escenógrafa e directora Marta Pazos, licenciada en Belas Artes, a montaxe escénica, a estética, ten un peso que condiciona os outros elementos que conforman ese produto teatral.  Música, luz, tempo, ritmo, movemento e interpretación funcionan coma un engrenaxe compenetrado e sen fisuras. Unha pintura na que o marco non é un accesorio aleatorio, a obra é total ou non é nada.

A única vez que vimos a Voadora no FIOT foi en 2014 con aquela Tempestade, outro Shakespeare, que me sorprendeu por certos momentos de xenialidade e por aqueles espellos nos que confrontaban o texto orixinal coa contemporaneidade, algo que retoman neste “Othelo” tan particular e transgresor. E quere o azar que naquel ano vimos tamén o primeiro “Othelo” representado no FIOT, o da Compañía chilena El Viajeinmóvil, enfocada, coa axuda de marionetas, en destacar a manipulación dos sentimentos humanos e a violencia contra a muller. E será por coincidencias, ou non, que este “Othelo” de Voadora recupera esa visión de que, se intuímos o que se cala na obra, Desdémona sería a protagonista indiscutible.

E como diría algún poeta, falan máis os silencios que aqueles berros que che rouban os soños, porque velaí que o ano seguinte (2015) vimos outro “Othelo”, do arxentino Gabriel Chamé, que con técnica de clown e facendo comedia, algo que tamén recupera Voadora, amosan unha revisión espacial, plástica, divertida e moderna desa obra, centrada na dominación e os celos.

 

 Foto de Estrella Melero para Voadora 

Rememorando isto non quero dicir que todo estaba escrito antes e que Voadora só lle fixo un traxe novo á propostas antes exploradas. Simplemente quero facer unha especie de simbiose histórica que confirma que esa aposta de Marta Pazos por explorar narrativas que nos permitan entender, cunha visión actualizada tanto teórica como estética, conflitos que foron contados, séculos atrás, dende códigos de comportamento que hoxe en día están caducados, é unha opción razoable e saudable.

Finalmente, facer unha pequena pero importante reflexión, case sempre os artificios escénicos impiden que a mensaxe que se quere transmitir chegue nítida a ese receptor anónimo que busca entender, non só o discurso, senón as circunstancias que provocan que tal discurso teña motivos para ser feito. E penso que, por descoñecer eses innovadores  códigos de comunicación, a maioría dos espectadores fioteiros saíron decepcionados porque non entenderon a lingua na que Voadora lles estaba afalar. Polo demais, a montaxe é excepcional.

Saúde y larga vida…


NOTA:

Este artigo foi publicado na Edición de Bergantiños de "La Voz de Galicia"

 

Comentarios

Entradas populares