Talía Teatro

(FIOT 30)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO 

QUE CHOVA A ESGALLA !

(A propósito de “A parábola do angazo” de Talía Teatro)

SANTIAGO PAZOS

 


O sábado pasado chovía a esgalla enriba da metálica cuberta do Pazo da Cultura de Carballo mentres asistíamos a estrea de “A parábola do angazo”; obra satírica de pequeno formato interpretada por Artur Trillo e Toño Casais, baixo a dirección de Diego Rey, coa que Talía Teatro volve a reflexionar sobre a situación e uso do idioma galego, como xa fixeran con bastante éxito en “Bicos con lingua” e “Pelos na lingua”.

A estrutura teatral está fomentada sobre unha serie de sketchs cómicos onde a partires de feitos anecdóticos desenrolan  unha trama que pon ao descuberto as dificultades reais que afectan á supervivencia do noso idioma. Comezan coa parábola do angazo, lenda recollida polo Padre Sarmiento no século XVII, na que un rapaz esquece a súa lingua cando regresa a aldea despois dunha corta emigración a Castela e terminan cunha versión libre da traxedia de Romeo e Xulieta na que os namorados non poden casarse por causa de que non falan a mesma lingua.

Unha comedia intencionadamente pedagóxica na que o humor substitúe aquela funesta máxima que dicía que a letra con sangue entra. A cuestión aquí vai de convencer de que falar galego non resta prestixio senón que engade coñecemento. Non esquezamos que como indican todas as enquisas, e mesmo alerta o Consello de Europa, a posibilidade de desaparición dese tesouro que é a lingua propia pode desaparecer se seguimos a darlle as costas.

 


Soe dicirse que unha chuvia fina, unha chuvisca, cando é persistente, molla dabondo ata que nos decatamos que estamos empapados. Isto é o que intenta Talia coa súa defensa da lingua, avisarnos con ironía e boas formas que non estamos a facelo ben, de que hai un serio perigo de perder unha parte importante da nosa identidade.  Eu, pola contra, penso que terá que chover a esgalla para virar o rumbo tan penoso que levamos.

Para terminar, sinalar que, na miña opinión, a posta en escena e a dramaturxia dalgún sketch en concreto precisan ser revisados, falta axilidade e pérdese tempo en retóricas que xogan en contra do ritmo e a frescura que esixe un espectáculo deste tipo. Nada importante, xa que estou seguro que Talía saberá ir limando esas asperezas ao tempo que a obra vaia rodando. Experiencia e profesionalidade non lles falta. Moi recomendable sobre todo para Centros de Ensino.   

Saúde y larga vida…


NOTA:

Este artigo foi publicado na edición para Bergantiños de "La Voz de Galicia"

 

Comentarios

Entradas populares