Paula Carballeira

 (FIOT 30)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO 

DE NOITE TODO SON SOMBRAS

 (A propósito de “Camiños” de Paula Carballeira) 

SANTIAGO PAZOS

 

Paula Carballeira é posiblemente a única contacontos que coñezo que nun tris consigue transportarte a un espazo físico recoñecible sen necesidade de moverte da cadeira na que estás sentado. Tal é o poder de suxestión e fantasía que crea nos que a escoitamos que pasamos de ser espectadores a personaxes sen apenas decatarnos.

Paula non precisa de ningún tipo de atrezo, nin banda sonora, nin escenografía, porque ela soa enche calquera escenario coa maxia da xestualidade e as palabras; interpretación oral que bebe da tradición de xeito natural, sen pretensións de transcender o que acontece na vida cotiá dos vivos nin na tranquilidade dos mortos, se é que tiveron bo tránsito. Por algo di que os que morren con medo non descansan, pero os que viven con medo tampouco.

A súa especialidade é ese humor negro que crea espazos escuros e tenebrosos dos que sempre queremos fuxir correndo, mundos nos que rirse dos medos é a mellor forma de superalos. Vai debullando vivencias con aparencia de normalidade que cando menos pensas desembocan en situacións macabras por circunstancias pouco claras, historias nas que a tensión dramática pódese cortar cun coitelo.

E ti, espectador avisado ou distraído, queiras ou non queiras, pérdeste nese mundo cheo de sombras creado por Paula Carballeira para seducirte, ou aducirte máis ben,  e sorrís suorento pregando pasar desapercibido.  

Saúde y larga vida…


NOTA:

Este artigo foi publicado na edición para Bergantiños de "La Voz de Galicia"

 


 

Comentarios

Entradas populares