CIGARREIRAS

(FIOT 30)

FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO

 

SERIEDADE, RIGOR E COMPROMISO

 (A propósito de “Cigarreiras” de Cándido Pazó) 

SANTIAGO PAZOS


Pode parecer unha contradición mais non é, cando falamos de Cándido Pazó, coñecido fundamentalmente por ser un gran profesional que domina o xénero cómico, temos que falar en primeiro lugar de seriedade, rigor e compromiso. Virtudes que aplica xenerosamente en cada novo proxecto que estrea, xa sexa creación propia ou adaptando obra allea como no caso que nos ocupa hoxe.

Se no FIOT de 2017, co gallo do centenario do falecemento de Don Eduardo Pondal, sorprendeunos con “Fillos do sol”, un excelente traballo biográfico no que xogaba, en palabras do propio autor, entre a realidade ficcionada e a fabulación dramática. Neste 2021, aproveita a conmemoración centenaria da morte de Dona Emilia Pardo Bazán para adaptar teatralmente “La Tribuna”, catalogada como a primeira novela de estilo naturalista publicada en España.

Unha adaptación respectuosa coa trama orixinal, centrándose moi oportunamente nos acontecementos históricos da época na que ocorren e sendo fiel a ese comentario que Dona Emilia fai no prólogo para remarcar unha das características fundamentais do naturalismo: “Este privilegio concedido al novelista de crearse un mundo suyo propio, permite más libre inventiva y no se opone a que los elementos todos del microcosmos estén tomados, como es debido, de la realidad”.

Dito prólogo comeza así: “Lector indulgente: no quiero perder la buena costumbre de empezar mis novelas hablando contigo breves palabras”. Cita obrigada de sinalar xa que na miña opinión xustifica que Cándido, moi intelixentemente, introduza na montaxe a propia autora como unha personaxe máis. Un papel importantísimo porque é quen lle vai contando directamente ao público todo o que acontece e non se ve en escena.

De forma moi esquemática pódolles contar que esta historia vai dunha rapaza de extracción humilde, traballadora da Fábrica de Tabacos da Coruña, que ten relacións non aceptadas socialmente cun militar, que a engana con falsas promesas, nunha época histórica (1867-1873) moi convulsa social e politicamente. A destacar tres aspectos centrais como son a proclamación da I República, a loita de clases e a importancia do incipiente movemento feminista. E non lles conto máis porque recomendo que lean a novela directamente ou vaian ver esta versión teatral.

Porén, sendo esta adaptación sobresaínte nos aspectos textuais, non podemos deixar de lado certos aspectos que afectan a posta en escena. Neste eido, cuestionar ese formalismo escenográfico tan tradicional e un tanto anticuado que resulta amortecino na parte central da obra, cunha iluminación sepia e tristeira todo o tempo; destacar a interpretación das sete actrices que forman parte do elenco, especialmente desa hierática Susana Dans que interpreta a Dona Emilia, e aplaudir ese ton épico con ecos revolucionarios para esixir xustiza social.

Sinto admiración por este actor, autor e director que afronta con entusiasmo proxectos tan complicados e comprometidos como “Cigarreiras”. Tenme dado grandes satisfaccións teatrais dende que o coñezo. Quero recordar, entre outros, “E ti quen vés sendo?”, “Memorias dun neno labrego”, “As do peixe” ou “O tolleito de Inishmaan”, etc. etc. Mais hoxe, con todo respecto, teño que dicirlle que esperaba un pouco máis de ousadía. Así e todo, parabéns.

Saúde y larga vida…

 

 NOTA:

Este artigo foi publicado na edición para Bergantiños de "La Voz de Galicia" 



Comentarios

Entradas populares